María José Gómez pon en valor proxectos coma Embutidos Hermelino que xeran valor engadido e promocionan as razas autóctonas

A conselleira do Medio Rural visitou hoxe as novas instalacións desta empresa no polígono industrial de Mondoñedo, que contou co apoio da Consellería no marco das axudas de transformación e comercialización de produtos agrarios

Salientou a convocatoria de 2026 destas axudas, cun orzamento de 19 millóns de euros ata 2028, a través das cales se apoiarán proxectos que favorezan o desenvolvemento do tecido industrial do agro galego

Embutidos Hermelino traballa con materia prima galega de alta calidade, con canais de porco é de porco celta

Mondoñedo (Lugo), 20 de febreiro de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte; e polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias; visitou hoxe as novas instalacións de Embutidos Hermelino, no polígono industrial de Mondoñedo, onde puxo en valor proxectos coma os de esta empresa, que xeran valor engadido e promocionan as razas autóctonas.

Neste sentido, Gómez lembrou que a Consellería aposta neste 2026 de novo polas axudas de transformación e comercialización de produtos agrarios, cuxa convocatoria deste ano xa se publicou cun orzamento de 19 millóns de euros ata 2028 para accións que favorezan o desenvolvemento do tecido industrial do agro galego. Concretamente, explicou que estas achegas serven para financiar investimentos tanto para a construción e reforma de inmobles como para a compra de maquinaria e equipamentos novos ou programas informáticos, entre outros. Precisamente, esta nova instalación de Embutido Hermelino recibiu estes apoios.

A conselleira resumiu que nos últimos anos destináronse 195 millóns de euros para promover este tipo de iniciativas, especialmente naqueles vinculados ao sector lácteo e cárnico. Engadiu que, desde o Goberno galego, se seguirán apoiando aquelas accións que permitan dinamizar economicamente o rural, creando emprego e fixando poboación, ao mesmo tempo que se promocionan os produtos obtidos na nosa comunidade.

Aposta pola materia prima de calidade

Embutidos Hermelino é unha empresa familiar creada a finais dos anos 30 e na cal se segue apostando pola materia prima galega e de alta calidade. En concreto, traballan con canais de porco e de porco celta, así como no despece de vacún. Destaca especialmente a produción de 1.600 quilos de chourizo e de 3.000 quilos de pezas de salgadura que elaboran semanalmente.

Neste sentido, a conselleira salientou a súa aposta polas razas autóctonas, o que favorece a súa conservación. Ao mesmo tempo, comprometeu o impulso do Goberno autonómico á promoción do produto galego, especialmente daquel con calidade diferenciada.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/02/2026