A Xunta presenta aos residentes das Gándaras os axustes que se farán na distribución das habitacións para garantir a súa intimidade

O delegado territorial, Javier Arias, explicou aos usuarios as pequenas modificacións que se farán no proxecto da reforma da residencia, que adapta o centro á normativa estatal de seguridade e conta cun investimento de 8 millóns de euros

Lugo, 23 de febreiro de 2026

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, reuniuse hoxe con usuarios da residencia de maiores das Gándaras para informalos da reforma que se está a executar no centro e detallarlles os axustes que se farán no proxecto co fin de garantir a intimidade nas habitacións.

Arias explicou que “desde que se constatou que a principal preocupación dos residentes era a privacidade e a separación prevista entre camas nas habitacións compartidas, desde a Xunta comezamos a estudar cos arquitectos da empresa adxudicataria as posibilidades que había para, con pequenas modificacións no proxecto, asegurar esa intimidade”. 

Froito do traballo conxunto entre persoal da Consellería de Política Social, da Delegación Territorial da Xunta en Lugo e da empresa adxudicataria dos traballos, apostouse finalmente pola alternativa que hoxe se presentou aos residentes no propio centro de maiores. A proposta supón “manter unha separación clara entre as camas, similar á que existe actualmente” e que permitirá “garantir a intimidade e o benestar, tanto dos usuarios como das súas familias”.

O delegado explica que se trata dunha solución que garante a privacidade e cumpre, ao mesmo tempo, os estándares da normativa estatal en materia de seguridade e accesibilidade, que é un dos obxectivos da reforma. Mantense ademais o investimento previsto para a actuación, próximo aos 8 millóns de euros.

O representante autonómico fixo fincapé en que “mentres outros só buscan crear polémicas interesadas, aínda que sexa a costa de informacións falseadas, desde a Xunta sempre buscamos o mellor para o benestar dos residentes, que é o que sempre nos preocupou e polo que traballamos”.

Detallou que trala reforma todos os cuartos serán máis amplos, especialmente os baños, e quixo aclarar que “en ningún momento” se plantexou reducir o número de habitacións individuais, “como algúns dixeron tamén para xerar inquietude entre os usuarios”. Neste senso, concretou que, tralos traballos, sumaranse dous cuartos individuais en cada planta, quedando un total de 40, cando ata o de agora había 30.

“Aumenta o número de habitacións individuais, e nas dobres estará garantida a intimidade dos usuarios, que é o que demandaban. Buscamos a mellor solución pensando nos residentes e é o que conseguimos”, concluíu.

Plantas que funcionan de xeito independente

A maiores dos cambios nas habitacións, a reforma da residencia das Gándaras contempla a ampliación das zonas comúns, como corredores e salas polivalentes, e o acondicionamento dun comedor en cada planta de habitacións -da cuarta á oitava-. Deste xeito facilítase que cada andar poida funcionar de xeito independente, o que redunda nunha atención máis personalizada e facilita os coidados, sobre todo para persoas en situación de maior dependencia.

“O centro ofrecerá así maior seguridade e comodidade, tanto para os usuarios como para os traballadores”, apuntou Arias. Subliñou que a obra “supón moito máis que a mera modernización do edificio e das dotacións. Avanza cara ao novo modelo de coidados de Galicia, que ten como piares fundamentais unha reorganización dos espazos para facelos máis persoais e unha maior humanización dos centros”.

Fixo fincapé en que o compromiso da Xunta coa calidade na atención aos maiores “tradúcese en feitos”, como a reforma integral da residencia da Milagrosa -xa en marcha e na que o Goberno galego inviste 1,7 millóns de euros- ou a incorporación á rede pública autonómica das 120 prazas do centro construído no barrio da Residencia pola Fundación Amancio Ortega. “Seguimos apostando por ofrecer máis e mellores prazas públicas, que poñemos a disposición dos galegos e galegas que o necesitan”, concluíu.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/02/2026