A Xunta inviste 5,2 M€ en 119 reparacións en centros educativos tras os temporais deste inverno
Román Rodríguez explica nunha visita ao Instituto de Ponteceso que o obxectivo é amañar os danos antes de que se convertan en problemas maiores
Precisamente neste centro vanse investir case 400.000 € no cambio de cuberta
Lembra que a conservación dos centros é unha tarefa compartida entre concellos e Xunta e reitera a necesidade de que o Goberno central habilite fondos para obras
O Goberno galego leva investidos máis de 331 M€ no Plan de nova arquitectura pedagóxica, dos que 210 M€ son en mellorar e o resto en ampliación e construción
Ponteceso (A Coruña), 24 de febreiro de 2026
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destacou hoxe que a Xunta está a atender de xeito áxil as incidencias derivadas dos temporais deste inverno a través das unidades técnicas provinciais e servizos centrais. “Estamos a investir 5,2 M € en 119 actuacións de reparación en colexios e institutos de toda Galicia tras as condicións climatolóxicas das pasadas semanas”, dixo. Fíxoo nunha visita ao Instituto Eduardo Pondal, en Ponteceso, onde precisamente se vai acometer o cambio de cuberta tras os desperfectos sufridos por mor do mal tempo.
En canto ao tipo de actuacións, Román Rodríguez sinalou que se trata, fundamentalmente, de arranxos en zonas como cubertas e lucernarios, así como pequenas reparacións internas de pingueiras ocasionadas pola entrada de auga. Ademais, estanse a preparar varios cambios de cuberta que, tras este inverno, é necesario acometer nos vindeiros meses. “Moitas destas reparacións están terminando de concretarse polo que previsiblemente se elevará máis o investimento para atender coa maior dilixencia estas circunstancias sobrevidas”, detallou o conselleiro.
“O obxectivo é atallar estes danos con pequenas reparacións antes de que se convertan en problemas maiores”, explicou o conselleiro. Neste sentido, lembrou que o mantemento e conservación dos centros educativos é unha tarefa compartida entre os concellos –aos que lles corresponde o dos centros de Infantil e Primaria– e a Xunta –que asume en exclusiva o do resto das instalacións educativas–.
Intervir de xeito preventivo
“Aínda así, é moi frecuente que a falta de mantemento nos colexios derive en danos de maior envergadura cuxa reparación acaba asumindo a Xunta cun custo moito maior para as arcas públicas ca o que tería se se atallaran cunha pequena intervención cando se orixinou o problema”, lamentou o conselleiro.
O titular do departamento educativo do Goberno galego reiterou o compromiso da Xunta coa rehabilitación, conservación e mellora dos centros, “intervencións nas que levamos investido máis de 210 M€ ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica, unha parte moi importante do total do plan, que supón un investimento de máis de 331 M€ incluíndo ampliacións a novas construcións”. Isto inclúe desde obras eficiencia enerxética – cambios de cuberta e fiestras, illamento de fachadas– ata reparacións e intervencións de diferentes envergaduras, que contribúen a mellorar o día a día dos centros.
Petición ao Ministerio de Educación
A este respecto, reiterou a necesidade de que o Goberno central habilite un Plan nacional de mellora de infraestruturas educativas. “Neste momento, as obras en centros educativos estamos a asumilas de xeito íntegro as comunidades autónomas e os concellos. Tendo en conta a antigüidade das instalacións educativas de toda España, é imprescindible que Moncloa nos transfira fondos para este fin”, sinalou Román Rodríguez. “Isto permitiríanos intensificar as actuacións e, en moitos casos, adiantarnos antes de que determinadas infraestruturas se fagan máis vellas”, engadiu.
Así mesmo, insistiu na xa demandada redución ao tipo reducido do 10% do IVE das obras de construción, reforma ou rehabilitación de centros de ensino públicos, ao tratarse de actuacións vencelladas á prestación dun servizo esencial e básico como é a educación. Ambas as dúas cuestións foron aprobadas polo Parlamento de Galicia.
Reparacións no IES Eduardo Pondal
Con respecto á obra no IES Eduardo Pondal, acometerase o cambio de 3.578 m² de cuberta, cun investimento de case 400.000€. Neste momento o proxecto está en supervisión, co obxectivo de licitalo canto antes e poder executar a obra no verán. A nova cubrición será de panel sándwich de 30mm de espesor con illamento térmico de la de roca e lucernarios de policarbonato. Tamén se impermeabilizarán os 500 m² e colocaranse novos canlóns e baixantes.
A actuación eleva a 700.000€ o investimento da Xunta nos centros educativos de Ponteceso ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica. Neste sentido, cómpre sinalar que, ademais dalgunhas pequenas reparacións en varios centros do municipio, destacan as melloras sectoriais no Colexio Eduardo Pondal (105.000€), así como a instalación dun ascensor no instituto hoxe visitado.