A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático respondeu unha pregunta no pleno do Parlamento despois de reunirse con representantes da cadea mar-industria
Ángeles Vázquez advirte de que o Goberno central pretende limitar a duración de todas as concesións na costa co pretexto de que así llo exixe Bruxelas
A responsable autonómica aclara que a Comisión Europea pide a España maior transparencia na adxudicación dalgunhas concesións relacionadas coa directiva de servizos, pero non con outras como poden ser as do complexo mar-industria
Alerta de que o Executivo central pretende converter en xerais uns axustes que deberían ser puntuais e por iso actúa con escurantismo e falta de transparencia
O Executivo galego subliña que é falso que haxa prórrogas automáticas das concesións no litoral pois toda prórroga inclúe un procedemento previo á súa aprobación no que se requiren informes como os relacionados co impacto ambiental
Galicia defende a necesidade de deseñar unha nova Lei de Costas nacional xunto ás comunidades autónomas e aos sectores afectados para que teña unha visión integrada e aposte polo equilibrio entre os eidos ambiental, social e económico
A Xunta, xuristas e representantes do complexo mar-industria analizan as arredor de 80 alegacións presentadas contra a reforma do Regulamento Xeral de Costas e as consecuencias que poden ter os cambios no seu contido
Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2026
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, advertiu hoxe no pleno do Parlamento galego de que o Goberno central pretende reformar o Regulamento Xeral de Costas para restrinxir os usos no litoral e limitar a duración de todas as concesións amparándose en que así llo exixe Bruxelas. O que non di, aclarou, é que o que pide a Comisión Europea a España é maior transparencia na adxudicación dalgunhas concesións relacionadas coa directiva de servizos e non coas que teñen que ver, por exemplo, co complexo mar-industria, como as instalacións de acuicultura ou as fábricas de transformación de produtos do mar.
A responsable autonómica explicou que o Executivo central quere converter en xerais uns axustes que deberían ser puntuais e que, por iso, actúa en todo momento con escurantismo e falta de transparencia. Neste sentido, lembrou que o procedemento de infracción aberto pola Comisión Europea se refire á directiva de servizos e que, malia que Galicia pediu en varias ocasións coñecer o contido do expediente, o Goberno central se negou a remitirllo alegando que se refería a un asunto de competencia exclusiva da Administración Xeral do Estado.
Este argumento, lamentou Ángeles Vázquez, serve nunhas ocasións e noutras non, pois España ten abertos máis de 30 procedementos de infracción e, en moitos casos, son as comunidades as que completan a información. Esta ocultación, indicou, busca unicamente contribuír ao fin do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico de restrinxir os usos no litoral tratando de que pasen desapercibidos durante a tramitación e evitar a contestación social.
Neste sentido, o Executivo central mostrou as súas cartas xusto no último día de prazo para remitir as alegacións á consulta pública previa para modificar o Regulamento Xeral de Costas -o pasado 19 de xaneiro- ao recoñecer que o seu obxectivo é impedir as prórrogas automáticas das concesións na costa. Deste xeito puxo algo de luz ao escurantismo que caracteriza todo o procedemento, pois a consulta que iniciou carecía dunha explicación clara sobre a súa finalidade.
Non obstante, nesa afirmación o Goberno central volve mentir de xeito premeditado ao conxunto da cidadanía pois é consciente de que non existen as prórrogas automáticas das concesións senón que toda prórroga inclúe un procedemento previo á súa aprobación que require de distintos informes, entre eles os que teñen que ver coas cuestións medioambientais.
Terceiro intento
Ángeles Vázquez lamentou ademais que os feitos confirman o que a Xunta denunciou desde o primeiro momento, que a consulta pública previa aberta o 4 de febreiro polo Ministerio ten como único fin restrinxir os usos na costa e eliminar calquera vestixio de presenza humana do litoral antes de 2050, como xa intentou en 2018 e en 2024.
Por iso, a titular de Medio Ambiente e Cambio Climático asegurou que a Xunta vai seguir traballando para que o conxunto da cidadanía coñeza a verdade sobre esta cuestión e na busca de deseñar unha nova Lei de Costas nacional desde o rigor e a coordinación entre as comunidades e os sectores afectado. De feito, Galicia e outras comunidades van crear un grupo de traballo que terá como cometido elaborar unha normativa estatal na liña da Lei de ordenación e xestión integrada do litoral (Loxilga), que acade o equilibrio entre a protección da costa e o desenvolvemento social e económico.
É algo fundamental, incidiu, e ao que non poden renunciar autonomías como a galega, nas que máis da metade da poboación vive ou traballa na franxa costeira. Quedar calados ante este atropelo sería como aceptar a destrución do litoral e de toda a vida que se desenvolve na súa contorna.
Encontro co sector do mar
A conselleira fixo referencia ademais ás alegacións presentadas por Galicia á reforma do regulamento -a Xunta ten constancia da presentación de arredor de 80 -, unha cuestión que abordou tamén esta mañá nunha reunión celebrada con representantes da cadea mar-industria e de xuristas como o director do Observatorio do litoral de Galicia, Javier Sanz Larruga, para analizar os plans do Goberno central.
Nese encontro estudaron as consideracións remitidas por distintas entidades e organizacións con intereses na costa -que representan a milleiros de persoas que viven no litoral ou dependen de actividades vencelladas con el- que inciden na necesidade de que haxa unha maior transparencia sobre os motivos da reforma normativa, un maior prazo para presentar alegacións -un mes fronte aos quince días outorgados- e a máxima seguridade xurídica para as instalacións asentadas na franxa costeira, entre outras.
Os representantes do complexo mar-industria e do Executivo galego coincidiron na súa preocupación, que vai máis aló de ideoloxías, por uns plans que buscan eliminar a presenza humana da costa, poñendo en perigo o futuro de moitas actividades e infraestruturas asentadas na contorna litoral.