A Xunta salienta en São Paulo o compromiso da Sociedade Hispano Brasileira coa galeguidade e coa atención á colectividade galega no Brasil
São Paulo (Brasil), 26 de febreiro de 2026
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, reuniuse coa presidenta da Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mútuos, Instrução e Recreio, María Dolores Daparte Souto, e con outros membros da directiva desta entidade, para trasladarlle o apoio da Xunta de Galicia ás comunidades galegas no exterior, facendo especial fincapé nos programas sociais, culturais e de retorno que a Secretaría Xeral da Emigración desenvolve para acompañar ás familias galegas residentes fóra da comunidade. Ademais, o secretario xeral puxo en valor o papel histórico desta entidade como referente da galeguidade en Brasil.
Nesta liña, destacou a importancia de entidades como a Sociedade Hispano Brasileira, que ao longo da súa traxectoria se consolidou como un espazo de encontro, apoio mutuo e preservación das tradicións galegas en São Paulo. “A colaboración entre a Xunta e a comunidade galega no Brasil é fundamental para fortalecer os vínculos que nos unen e para garantir que a identidade galega siga viva nas novas xeracións”, sinalou. Nesta liña, Antonio Rodríguez Miranda agradeceu a implicación da directiva e dos socios da entidade no mantemento da actividade cultural e social da colectividade galega en Brasil, subliñando que “cada centro galego no exterior é unha embaixada viva de Galicia no mundo”. De feito, Brasil acollerá este ano a feira de emprego que organizará a Xunta tralo éxito das do ano pasado na Arxentina e o Uruguai.