A Xunta destaca o papel do deporte base como canteira de deportistas de alto nivel

O secretario xeral para o Deporte, Roberto García, e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, asistiron á entrega dos Premios DXT ao Talento Base que recoñeceron 15 deportistas, persoas e entidades que destacaron en 2025 polos seus resultados ou pola súa dedicación á formación de novos talentos

A Coruña, 26 de febreiro de 2026

O secretario xeral para o Deporte, Roberto García, xunto á delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, asistiu esta tarde á entrega dos Premios DXT ao Talento Base, cita na que destacou que o deporte base contribúe a fortalecer a saúde física e mental da cidadanía, promove valores esenciais como o traballo en equipo, o respecto e a superación, e constitúe o piar fundamental do deporte de alto nivel.

O secretario xeral lembrou que Galicia conta actualmente cunha cifra récord de 1.773 deportistas de alto nivel, que se iniciaron en clubs de base, e destacou o impulso da Xunta ao deporte en idades temperás con programas como Xogade e o seguro gratuíto para nenas e nenos de entre 6 e 16 anos que financia directamente a administración autonómica.

Roberto García trasladoulles os seus parabéns aos 15 deportistas, persoas e entidades que foron recoñecidas durante a gala e que destacaron en 2025 polos seus resultados ou pola súa dedicación á formación e ao desenvolvemento dos novos talentos.

Data de actualización: 26/02/2026