O seguimento na quenda de mañá da folga de facultativos de atención primaria acada o 5,56 % na sanidade pública galega

A Consellería de Sanidade insta ao sindicato O'Mega a sumarse ao acordo maioritario sobre atención primaria para evitarlles a pacientes e profesionais os efectos dun paro indefinido

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2026

O seguimento da folga de facultativos de atención primaria convocada pola organización sindical O’Mega na quenda de mañá deste luns foi do 5,56 % nos centros sanitarios da comunidade galega.

Por áreas sanitarias, o seguimento na área sanitaria da Coruña e Cee foi do 5 %; na de Ferrol, 7,03 %; na de Santiago de Compostela e Barbanza, 6,6 %; na de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, 2,89 %; na de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, 4,75 %; na de Pontevedra e O Salnés, 2,43 %; e na de Vigo, 8,02 %.

O Servizo Galego de Saúde conta na xornada de hoxe coa cobertura do 100 % dos servizos mínimos, garantindo a actividade asistencial urxente e de emerxencias.

Sumarse ao acordo maioritario

A Consellería de Sanidade insta a O'Mega a sumarse ao acordo maioritario sobre atención primaria para evitarlles a pacientes e profesionais os efectos dun paro indefinido.

A Consellería de Sanidade realizou o pasado venres un grande esforzo negociador co sindicato convocante da folga indefinida en atención primaria co obxectivo de chegar á desconvocatoria do paro.

A postura adoptada polo sindicato convocante, que rexeitou a desconvocatoria cautelar da folga, impediu chegar a un acordo para evitar un paro prexudicial para os pacientes e os profesionais da sanidade pública.

A Xunta negocia sempre con quen está disposto a negociar, como vén facendo e seguirá a facer cos representantes dos profesionais médicos que estean dispostos ao acordo. A mellor mostra é que a Consellería de Sanidade xa logrou un acordo con 5 sindicatos, entre eles, o sindicato médico Simega, que xa está a supoñer melloras que están sendo xa aplicadas e que foron aprobadas no Consello da Xunta e publicadas no Diario Oficial de Galicia: incremento do complemento de produtividade variable, recoñecemento dos sábados festivos, ao igual que na administración xeral da Xunta desde o 1 de xaneiro de 2026, incremento da manutención, recoñecemento dos venres como prefestivos, etc.

Ademais, as outras melloras acordadas están sendo abordadas no seno dos dous grupos de traballo de atención primaria -un de recursos humanos e outro asistencial- que se teñen constituído, coa finalidade de presentar unha reforma integral da atención primaria antes do verán (limitacións de axenda, planificación asistencial, melloras laborais e retributivas…). É nese marco da reforma da atención primaria onde deberán ser abordados e definidos aspectos como os cupos por profesionais.

A maiores, na Mesa Sectorial de Sanidade estanse a abordar cos sindicatos representados outras das iniciativas acordadas, como é o caso da voluntariedade, regrada e incentivada, para a realización das gardas en atención primaria.

A Consellería de Sanidade remarca a súa vontade de diálogo e de chegar a acordos cos representantes dos traballadores que realmente están dispostos a negociar e a acordar medidas en beneficio dos seus representados e tamén dos pacientes.

A Xunta está a actuar no marco das súas competencias, aínda que o principal problema de todo o Sistema Nacional de Saúde é a falta de médicos e o Estatuto Marco, que só pode resolver o Goberno central.

Data de actualización: 02/03/2026