A Xunta salienta en As Pontes a contribución do programa Leader ao emprego e á dinamización nas zonas rurais
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou a empresa Proyectos, Soluciones e Instalaciones Galicia S.L., que contou cunha axuda de máis de 92.000 euros a través deste programa
Aneiros explicou que proxectos coma este teñen unha repercusión “moi positiva” sobre o tecido económico das zonas rurais, mellorando as condicións para crear e manter postos de traballo
As Pontes (A Coruña), 6 de marzo de 2026
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada da concelleira de Promoción Industrial de As Pontes, Ana Pena, visitou a empresa Proyectos, Soluciones e Instalaciones Galicia S.L. (PSI), beneficiaria nunha pasada edición das axudas do programa Leader. Na visita, a delegada salientou a contribución desta medida á creación de emprego e á dinamización das contornas rurais, ademais aproveitou para recordar que o prazo de solicitude para a nova convocatoria destas axudas está aberto ata o día 6 de abril. Nesta edición, o programa está dotado de 28,7 millóns de euros ata 2028.
Cunha achega de máis de 92.000 euros deste programa, a empresa puido mercar e acondicionar para a actividade unha nave industrial na que levou a cabo obras civís e instalacións, ademais, puido cubrir os gastos de estudos, proxectos e de constitución, así como adquirir maquinaria e equipamento. Agora, tras os traballos levados a cabo, a nave conta cun taller de fabricación de latiguillos industrais, un taller de mantemento e montaxe industrial, almacén, tenda de subministracións e oficinas, entre outros espazos.
As axudas do programa Leader son xestionadas a través dos 24 Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) de Galicia. No caso das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal, o grupo encargado é a Asociación Seitura 22.
Neste sentido, a delegada puxo en valor o traballo dos grupos de desenvolvemento rural e o seu apoio a proxectos como o de PSI que, a través do programa Leader, impulsou este espazo de traballo que contribúe a dinamizar a industria nas contornas rurais.
Programa Leader
Este programa afonda na mellora das condicións para crear e manter emprego no rural, así como a impulsar a economía con proxectos que xeran postos de traballo e asentan poboación.
As axudas, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), a Administración xeral do Estado e a Xunta de Galicia, están dirixidas a entidades públicas, e a persoas físicas ou xurídicas de carácter privado, incluíndo ás comunidades de montes veciñais en man común e as súas mancomunidades. Entre os gastos subvencionables inclúense a construción, adquisición e mellora de inmobles, a adquisición de terreos, maquinaria e equipamento, así custos xerais vinculados aos gastos de investimento entre outros.