A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, presentou hoxe o Programa Executivo en Industria de Defensa en Galicia, cofinanciado pola Xunta e a Fundación Escola de Organización Industrial (EOI)
Lorenzana destaca que a liña de axudas para certificacións no sector da defensa xa recibiu en menos dun mes unha vintena de solicitudes que suman máis da metade do seu orzamento
“Galicia ten que estar aí, entre esas empresas que demandan máis traballadores, que xeran máis economía e emprego industrial neste sector”, di
Salienta que a Xunta é a primeira Administración en subvencionar un curso formativo destas características
Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2026
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe que a liña de axudas para certificacións no sector da defensa xa recibiu en menos dun mes, desde que abriu o pasado 13 de febreiro, 22 solicitudes que suman máis da metade do seu orzamento, que é de 1,5 millóns de euros.
Lorenzana, acompañada da directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, participou hoxe na presentación do Programa Executivo en Industria de Defensa en Galicia, cofinanciado pola Xunta e a Fundación Escola de Organización Industrial (EOI) e que conta, tamén, coa colaboración da Asociación Española de Empresas Tecnolóxicas de Defensa, Seguridade, Aeronáutica e Espazo (TEDAE).
Segundo dixo, Galicia é a primeira Administración do Estado que subvenciona un curso formativo destas características para profesionais e directivos de empresas galegas con potencial de acceso ao sector da defensa, participantes ou aspirantes a concorrer a programas europeos, consorcios internacionais ou proxectos duais que queiran coñecer polo miúdo a súa gobernanza, sistemas de financiamento ou a súa estrutura contractual.
Celebrarase na EGAP entre abril e setembro deste ano cun formato presencial e en liña, e conta con docentes que son expertos coñecedores do sector da defensa e a seguridade, ben desde o ámbito institucional ou empresarial. As persoas interesadas poderán inscribirse a partir do próximo luns 9 de marzo ata o 23 dese mesmo mes na páxina web da EOI (https://www.eoi.es/).
Con respecto á liña de certificacións, ofrece axudas máximas de ata 75.000 euros para aquelas empresas que buscan posicionarse como subministradoras no sector da defensa e teñen que cumprir cuns requisitos básicos de certificacións, homologacións ou cualificacións necesarias. ”O noso interese está en facilitar que as empresas teñan esa capacidade para dar o salto ao sector da defensa”, dixo, para subliñar: “Galicia ten que estar aí, entre esas empresas que demandan máis traballadores, que xeran máis economía e emprego industrial neste sector” no que “non é unha utopía pensar que podemos lograr un desenvolvemento industrial importante”, afirmou. Ao respecto, sinalou que “a formación é un elemento que ten que estar en toda esta estratexia”.
Lorenzana aproveitou este contexto para poñer en valor que “Galicia está nun moi bo momento industrial”. Así, salientou que o emprego na industria está en cifras récord, con 192.300 persoas ocupadas e un crecemento que xa supera en case catro puntos a media de España. E tamén destacou que a comunidade vén de rexistrar a segunda maior suba da produción industrial en xaneiro en España, cun 1,9 por cento que contrasta coa caída a nivel estatal (-2,7 por cento).