A Xunta destaca o papel de La Vuelta Femenina como escaparate internacional para proxectar a Marca Galicia Calidade
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes participou hoxe na presentación da cuarta edición da proba, que se iniciará o 3 de maio con Galicia como protagonista
Diego Calvo destaca a gran tradición ciclista da comunidade, escenario privilexiado para a práctica do cicloturismo
Ribeira (A Coruña), 9 de marzo de 2026
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe xunto co director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e co secretario xeral para o Deporte, Roberto García, na presentación da cuarta edición de La Vuelta Femenina by Carrefour.es, que comezará o domingo 3 de maio con Galicia como gran protagonista. Ao acto asistiu tamén a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo.
Durante a presentación de La Vuelta Femenina, Diego Calvo destacou a forte tradición ciclista de Galicia e a celebración de probas consolidadas no calendario como La Vuelta e O Gran Camiño. Ademais de recordar que a nosa comunidade conta con algúns dos mellores equipos elite e sub-23 de España, salientou o crecemento do ciclismo feminino nos últimos anos.
Diego Calvo subliñou tamén o compromiso da Xunta coa promoción do deporte feminino e coa incorporación das nenas ao deporte a través do programa Xogade, que ofrece seguro deportivo gratuíto ata os 16 anos e permitiu avanzar cara á paridade entre nenas e nenos á hora de practicar deporte.
Por último, destacou o impacto internacional da proba e a súa capacidade para proxectar Galicia como destino turístico, xa que cada etapa se converte nun escaparate para amosar a beleza das paraxes galegas e impulsar a marca Galicia Calidade. Nestes sentido, recordou que a comunidade é un escenario excepcional para a práctica do cicloturismo, con numerosas rutas de distinto nivel de dificultade aptas para todo tipo de públicos.
La Vuelta Femenina by Carrefour.es volve á Galicia logo de acoller en 2021 a Ceratizit Challenge by La Vuelta, antecedente da actual rolda que, con catro etapas, se disputou daquela integramente na nosa comunidade.