Medio Rural ofrece unha charla informativa sobre dermatose nodular contaxiosa na provincia de Lugo
O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias participou hoxe nesta xornada, que tivo lugar hoxe na Delegación da Xunta na cidade
Esta xornada ten como obxectivo concienciar aos gandeiros nas implicacións desta enfermidade e lembrar as medidas de bioseguridade preventivas establecidas pola Xunta para protexer á cabana bovina galega ante esta enfermidade
As charlas continuarán mañá, no Salón Teatro de Lalín, ás 11:00 horas, para os gandeiros da provincia de Pontevedra; e o xoves terá lugar a última xuntanza na Delegación da Xunta en Ourense, ás 10:30 horas
Nestes encontros incidirase tamén nas medidas preventivas que seguen vixentes en Galicia ata o vindeiro 31 de marzo, podéndose ampliar este prazo en función da evolución epidemiolóxica da doenza
Lugo, 10 de marzo de 2026
O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou hoxe nunha xuntanza informativa sobre dermatose nodular contaxiosa organizada pola Consellería do Medio Rural e dirixida aos gandeiros da provincia. Esta xornada, que tivo lugar na Delegación da Xunta na cidade, ten como obxectivo concienciar aos gandeiros nas implicacións desta enfermidade e lembrar as medidas de bioseguridade preventivas establecidas pola Xunta para protexer á cabana bovina galega ante esta enfermidade. Nela, explicáronse as características desta enfermidade e as medidas establecidas na normativa comunitaria no caso da súa aparición; así como as condicións sinaladas actualmente para a vacinación.
Trátase da segunda charla celebrada con este fin -a primeira tivo lugar no día de onte, en Ordes-, e que continuarán mañá, mércores, no Salón Teatro de Lalín, ás 11:00 horas, para os gandeiros da provincia de Pontevedra. O xoves terá lugar a última destas xornadas en Ourense, no salón de actos da Delegación da Xunta na cidade, ás 10:30 horas. Todas as xuntanzas son de entrada libre, polo que non é necesario inscribirse de xeito previo.
Medidas tomadas en Galicia
Nestes encontros incidirase tamén nas medidas preventivas que seguen vixentes en Galicia ata o vindeiro 31 de marzo, podéndose ampliar este prazo en función da evolución epidemiolóxica da doenza. Así, están permitidas as feiras, certames, poxas, mercados e concentracións de gando con finalidade comercial, pero só poderán asistir animais procedentes de explotacións galegas. Con todo, os vehículos que veñan de fóra da comunidade deberán acceder ás instalacións baleiros, limpos, desinfectados e desinsectados.
En relación coa celebración extraordinaria de concursos, certames, poxas e exhibicións, continúa sendo precisa a autorización previa da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural, no seu caso tamén con asistencia só de animais de explotacións galegas.
Mantense a vixencia do período de vixilancia veterinaria oficial de 21 días para todos os bovinos procedentes de fóra da comunidade -con destino a vida-, dende a data da súa incorporación á explotación de destino na nosa comunidade. Todos os animais das granxas que incorporen bovinos procedentes doutras partes do territorio español ou do estranxeiro quedarán inmobilizados durante o mesmo período de tempo. Unha inmobilización que afectará aos bovinos presentes na explotación na data de entrada dos novos animais.
Ao mesmo tempo, continúa sendo obrigatorio desinsectar os bovinos presentes na explotación á que se incorporen estes animais, así como todos os vehículos de transporte de gando que realicen movementos de entrada a Galicia, tanto para vida como para sacrificio, e, neste último caso, manténdose a posibilidade da súa entrada sempre que sexan trasladados directamente a matadoiro.
Peticións ao Ministerio de Agricultura
Por parte da Consellería do Medio segue a emitirse unha mensaxe de tranquilidade, tanto para o sector como para a cidadanía en xeral, xa que non hai constancia de ningún caso desta enfermidade en Galicia e, cómpre lembrar, trátase dunha enfermidade que non se transmite ás persoas.
Con todo, segue a demandarse ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación máis implicación por parte deste departamento, así como unha estratexia clara de coordinación entre todas as comunidades autónomas para o control eficaz desta enfermidade, co fin de implementar medidas homoxéneas que dean certezas e seguridade ao sector gandeiro, especialmente no caso de ter que poñer en marcha indemnizacións.
Reclámase tamén ao Goberno central que lidere de forma xurídica e económica, no marco da Unión Europea, o desenvolvemento dunha vacina marcada que poida administrarse de xeito preventivo, para así reducir o risco de aparición desta enfermidade nas explotacións de gando vacún. Solicítase tamén unha modificación na normativa comunitaria da categoría da enfermidade, actualmente cualificada como A- a máis grave das existentes, tendo en consideración que non é zoonótica. Ambos asuntos foron tamén trasladados ao comisario europeo de Agricultura e Alimentación no marco da reunión mantida a semana pasada polo presidente da Xunta en Bruxelas.