O plan de mellora dos accesos ao novo Chuac obriga a cortar o tráfico nun treito da avenida das Xubias os días 30 e 31 de marzo e 1 de abril

O corte é necesario para proceder á demolición do viaduto da AC-012 e realizarase en Semana Santa, datas con menos afluencia de tráfico

Concello e Xunta están a colaborar estreitamente para minimizar ao máximo as molestias na circulación e para garantir, coa axuda da Policía Local, a fluidez do transporte, tanto público como privado

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2026

O plan de mellora de accesos ao Complexo Hospitalario da Coruña (Chuac) obriga ao corte de tráfico durante 3 días na avenida das Xubias, entre o 30 de marzo e o día 1 de abril. Trátase dun corte en aproximadamente 300 metros de calzada de dobre sentido, necesario para demoler o viaduto que dá acceso ao Chuac. 

Técnicos da Xunta e do Concello da Coruña reuníronse xa en varias ocasións, tamén coa participación da Policía Local, para abordar as afeccións de tráfico que comportan estas obras. Esta mesma mañá, mantiveron outra reunión na Delegación Territorial da Xunta na Coruña, na que participaron tamén técnicos do Estado, da Demarcación de Estradas, de ADIF, Autoridade Portuaria, Área sanitaria, Emerxencias e Audasa, entre outros.

Na reunión puxeron sobre a mesa os desvíos de tráfico e as alternativas de circulación para chegar ao complexo hospitalario, que se indicarán debidamente a través de nova sinalización e dos medios de comunicación, unha vez estean realizados todos os axustes.

Concello da Coruña e Xunta están a colaborar estreitamente para minimizar ao máximo as molestias que poida ocasionar na circulación este corte de tráfico e para garantir a fluidez na circulación do transporte, tanto público como privado. Neste sentido, desde a semana anterior ao corte realizaranse os traballos preparatorios para indicar todos os cambios e para facilitar a súa comprensión por parte dos condutores.

A intervención dos accesos consistirá na execución do anel perimetral que rodeará o complexo hospitalario, ata a intersección co viario existente, no cruzamento da rúa Curramontes coa rúa Castaño de Eirís, ademais da remodelación do enlace que conecta o Chuac coa avenida das Xubias.

Trátase dunha actuación de gran complexidade técnica e, entre os trazados e estruturas que se van executar, destacan a nova glorieta do acceso á AC-012, de 44 metros de diámetro exterior, así como a coordinación do trazado do viario perimetral cos accesos ao hospital e cos viarios cos que conecta.

Esta actuación forma parte do plan de melloras do acceso ao novo Chuac, unha obra sen precedentes que conta cunha inversión de 500M€, que o converterá en referente da sanidade pública galega.

Data de actualización: 12/03/2026