A Xunta formaliza o contrato para a execución dun centro de interpretación da natureza en San Pedro de Narla, en Friol, por un investimento de máis de 190.000 euros
Construirase unha edificación de tipo tradicional, en consonancia coas edificacións existentes no núcleo desta parroquia do municipio lucense
A actuación enmárcase no Plan Hurbe, o programa da Xunta para colaborar cos concellos no impulso de actuacións de mellora de contornas urbanas, accesibilidade e dotacións e equipamentos públicos
Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2026
A Xunta vén de formalizar o contrato para executar as obras dun centro de interpretación da natureza na parroquia de San Pedro de Narla, no concello de Friol, por un importe de 192.944,17 euros. A actuación enmárcase no Plan Hurbe, o programa da Xunta para colaborar cos concellos no impulso de actuacións de mellora de contornas urbanas, accesibilidade e dotacións e equipamentos públicos
A través deste contrato, adxudicado á empresa Construcciones M. Espiño, S.L., trátase de construír o citado centro de interpretación da natureza, nunha parcela de 1.588 m2, da citada parroquia. Proponse executar unha edificación de tipo tradicional, en consonancia coas edificacións existentes no núcleo de Narla. Dispoñerase no extremo suroeste da parcela, deixando libre a maior parte da parcela, e respectando as distancias necesarias dos lindeiros.
No devandito centro preténdese, por unha banda, levar a cabo diversas actividades educativas e divulgativas dirixidas a coñecer a natureza, por exemplo o ciclo das árbores, desde a súa plantación ata a súa tala e a súa transformación en madeira ou o proceso da produción de sementes, plantación de hortos, coidados forestais, utensilios e ferramentas de traballo, coidados ou as características dos montes. Por outra banda, preténdese destinalo a centro de formación ecolóxica e actividades agroforestais, obradoiros de emprego relacionados coa natureza, cursos e charlas informativas.
Esta nova actuación da Xunta inscríbese no convenio selado ao abeiro do Plan Hurbe, a Xunta cofinanciará nun 70% estas intervencións. Pola súa banda, o Concello de Friol achegará o 30% restante.
Co Plan Hurbe. o Goberno galego busca axudar ás administracións locais a financiar diferentes tipos de intervencións urbanísticas, coincidentes neste caso coa realización de actuacións de mellora de equipamentos públicos que teñan por finalidade a revitalización do territorio e o reequilibrio territorial.
A través de liñas de colaboración cos concellos como o citado programa autonómico, a Xunta contribúe a promover o desenvolvemento das vilas e núcleos rurais da comunidade autónoma como motores de dinamización ao converterse en puntos de localización dun importante número de servizos públicos e privados que permiten achegar o modelo urbano a todo o territorio.