A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse coa directora de Mercados de Carbono e Mobilidade Sostible da Dirección Xeral de Acción polo Clima da Comisión Europea
Ángeles Vázquez salienta en Bruxelas as iniciativas postas en marcha pola Xunta para converter Galicia nunha comunidade líder en acción climática
Pon en valor a aprobación da Lei do clima, que ademais de dotar de seguridade xurídica á loita contra o cambio climático, contribuirá a que Galicia sexa neutra en emisións en 2040, dez anos antes do obxectivo proposto pola Unión Europea
Fai fincapé nos avances para poñer en marcha o mercado galego de créditos de carbono, que é un sistema concibido para compensar emisións de gases de efecto invernadoiro mediante a compra de créditos xerados por proxectos que eviten ou capturen CO2
Pon como exemplo de iniciativas pioneiras a Alianza galega polo clima, e, en concreto, o programa Mentoring polo clima, no que empresas con ampla experiencia axudan a outras a intensificar a acción climática na súa operativa diaria
Bruxelas, 16 de marzo de 2026
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salientou hoxe en Bruxelas as iniciativas desenvolvidas pola Xunta para converter Galicia nunha comunidade líder en acción climática.
Así, durante a reunión que mantivo coa directora de Mercados de Carbono e Mobilidade Sostible da Dirección Xeral de Acción polo Clima da Comisión Europea, Beatriz Yordi, Ángeles Vázquez puxo en valor a aprobación da primeira Lei do clima da comunidade, que ademais de dotar de seguridade xurídica á loita contra o quecemento global, contribuirá a que Galicia sexa neutra en emisións en 2040, dez anos antes do obxectivo proposto pola Unión Europea.
Nesa liña, a conselleira tamén fixo fincapé nos avances que está facendo a Xunta para a posta en marcha do mercado galego de créditos de carbono, que é un sistema concibido para compensar emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) mediante a compra de créditos xerados por proxectos que eviten ou capturen CO2.
En concreto, logo da aprobación polo Consello do decreto que regula o sistema voluntario de créditos de carbono da Xunta, xa se constituíu o comité técnico de expertos que se encargará de mellorar o desenvolvemento do sistema, así como de elevar propostas de aprobación ou revisión das metodoloxías desta ferramenta. Ademais, na actualidade está en fase de licitación o proxecto Sicle CO2, que desenvolve unha metodoloxía que marcará os criterios formais e obxectivos para recoñecer e valorar os proxectos de absorción de carbono e crea a plataforma dixital que permitirá poñer en marcha o sistema.
A maiores, Ángeles Vázquez tamén indicou que Galicia aprobou o II Plan Rexional Integrado de Enerxía e Clima, que é a folla de ruta das políticas galegas no eido da mitigación, adaptación, investigación e sensibilización fronte ao quecemento global. Ao seu abeiro, desenvolveranse un cento de medidas e mobilizaranse en torno a 1.700 millóns de euros en investimentos ata 2030 co obxectivo de reducir as emisións nun 75% e lograr que o 85% da xeración eléctrica na Comunidade proceda de fontes renovables.
Alianza galega polo clima
Durante a reunión, tamén avaliaron outras iniciativas pioneiras postas en marcha pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, como a Alianza galega polo clima, que conta xa con máis de 250 membros e que busca conectar ao tecido produtivo e social galego de cara a traballar contra o quecemento global, facer máis resiliente á Comunidade e establecer pautas de actuación para alcanzar a neutralidade climática.
Pretende, entre outras cuestións, o establecemento de accións dirixidas á adaptación ou mitigación do cambio climático; o fomento de intercambio de información científica, tecnolóxica, socioeconómica e xurídica neste eido; a promoción da investigación vencellada co clima e a difusión de tecnoloxías para a transición cara a sistemas de enerxía de baixas emisións.
Nese senso, a representante comunitaria amosou especial interese por algunha das accións desenvolvidas ao abeiro desta iniciativa como o programa Mentoring polo clima, no que empresas con ampla experiencia axudan a outras a intensificar a acción climática na súa operativa diaria.
A primeira edición deste programa demostrou a súa eficacia con 48 iniciativas propostas polas entidades mentoras ás mentorizadas. Ademais, máis dun cento de entidades mostraron o seu interese en formar parte da segunda edición, ben como mentoras -para aportar a súa experiencia e coñecementos neste eido- ou ben como mentorizadas. De feito, este ano esta acción contará co dobre de participantes que en 2025 -16 participantes en vez de 8-.
No encontro, a conselleira tamén trasladou a súa preocupación pola inacción do Goberno central co Plan social polo clima xa que dificulta o avance de Galicia cara á descarbonización ao impedir que os máis de 60 proxectos presentados pola Comunidade poidan recibir financiamento a cargo do Fondo social para o clima da Unión Europea.