A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, xunto á directora da AXI, explicou que o DOG publicará o martes este proxecto na PO-303, ao que se poderá presentar achegas ata o 8 de maio
Allegue avanza a información pública da nova senda peonil e ciclista entre Tarrío e Arén, no Concello de Poio, cun investimento de máis de 1,6 M€
Trátase de executar un itinerario de máis de 1,2 quilómetros pola marxe esquerda da PO-303, dando continuidade ás beirarrúas existentes e facilitando a comunicación de focos de atracción da zona como a praia de Covelo, os roteiros dos muíños ou a igrexa de Santa María
A conselleira salienta o carácter transformador da actuación, que incluirá unha zona de estacionamento e unha parada de autobús fronte á igrexa de Samieira
Pon en valor esta nova iniciativa impulsada pola Xunta ao abeiro do Plan de Sendas de Galicia, dando continuidade ao impulso da rede de itinerarios seguros neste mesmo municipio, como o que está en servizo desde o verán pasado na estrada PO-308, entre Fontenla e Combarro
Poio (Pontevedra), 21 de marzo de 2026
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, avanzou hoxe a próxima información pública para executar a nova senda peonil e ciclista entre Tarrío e Arén, no concello de Poio, cun investimento de máis de 1,6M€.
Allegue, achegou hoxe ata esta zona da parroquia de Samieira, acompañada pola directora da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), María Deza, onde puxo en valor esta intervención do Goberno galego, no seu compromiso coa mobilidade sostible, que permitirá executar un itinerario de máis de 1,2 quilómetros ao carón da PO-303.
Segundo indicou, este martes, día 24, publicase no Diario Oficial de Galicia (DOG) o proxecto, abríndose un prazo de algo máis dun mes, ata o 8 de maio, para a presentación de achegas e suxestións. Neste sentido, sinalou que o departamento que dirixe continuará avanzando na súa tramitación co obxectivo de aprobar definitivamente o proxecto, licitar as obras e iniciar a súa execución.
A conselleira detallou que o novo itinerario permitirá conectar os núcleos de Tarrío e Arén, dando continuidade ás beirarrúas existentes e facilitando tamén comunicar os principais focos de atracción da zona como a praia de Covelo, os roteiros dos muíños ou a igrexa de Santa María, entre outros.
A conselleira subliñou que o obxectivo desta intervención é favorecer desprazamentos máis cómodos e seguros, tanto a pé como en bicicleta, para a veciñanza e para os visitantes desta contorna.
Precisou que a senda discorrerá pola marxe esquerda da PO-303 e contará, sempre que sexa posible, cunha franxa axardinada de separación coa calzada. Ademais, puxo en valor o carácter transformador da actuación, xa que, máis alá da execución do propio itinerario, incluirá a creación dunha zona de estacionamento e dunha parada de autobús fronte á igrexa de Samieira. Tamén se acometerá unha rede de drenaxe, reforzarase a iluminación e colocarase sinalización.
A titular de Vivenda e Infraestruturas destacou que esta actuación, cofinanciada con fondos FEDER e impulsada pola Xunta ao abeiro do Plan de Sendas de Galicia, dá continuidade ao impulso da rede de itinerarios seguros no municipio, lembrando que desde o verán pasado xa está en servizo a senda na estrada PO-308, entre Fontenla e Combarro.
Finalmente, Allegue incidiu en que o departamento que dirixe segue avanzando en actuacións pensadas para as persoas, favorecendo a súa mobilidade do día día en condicións máis seguras, cómodas e saudables. Neste contexto, lembrou que o Plan de Sendas de Galicia está actualmente na súa segunda fase, coa previsión de executar 120 quilómetros adicionais que se sumarán aos máis de 300 xa construídos en toda a comunidade, unha iniciativa que, segundo destacou, foi recoñecida a nivel europeo pola súa excelencia en materia de seguridade viaria.
Allegue concluíu reafirmando o compromiso do Executivo galego de seguir traballando por unha Galicia máis conectada, vertebrada e sostible, mediante a execución de infraestruturas seguras, eficientes e integradas no territorio, en consonancia co “selo Galicia Calidade”, concluíu.