A Xunta amosa na Biblioteca Pública de Lugo a obra pictórica de Xesús Vázquez e Carmen Prado

O delegado territorial, Javier Arias, e os autores presentaron na Delegación Territorial a exposición, que permanecerá no centro ata o 30 de abril

Lugo, 24 de marzo de 2026

A Xunta de Galicia acollerá na Biblioteca Pública de Lugo a  mostra “Unha+Un=2”, que reúne a obra pictórica de Xesús Vázquez e Carmen Prado. A iniciativa foi presentada hoxe na Delegación Territorial nun acto no que participaron o delegado territorial, Javier Arias, e os propios autores, entre outros.

A mostra será inaugurada este venres e permanecerá no centro ata o 30 de abril, e suma máis dunha vintena de pinturas representativas dos distintos estilos de cada un dos creadores. Ambos acreditan unha longa traxectoria artística e teñen participado en numerosas exposicións nacionais e internacionais.

Xesús Vázquez presenta obras abstractas nas que a cor e a textura son as protagonistas, recoñecibles polo uso de vermellos e ocres cargados e intensos e a incorporación de materiais como madeira, cartón, area de praia ou po de olivina traído de Lanzarote.

Carmen Prado pinta principalmente figuras femininas, que deforma para acentuar a  expresividade e plasmar unha beleza afastada dos canons, aínda que tamén introduce algunha obra de carácter realista correspondente ás súas últimas creacións baseadas nas tradicións galegas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/03/2026