Martina Aneiros traslada o apoio da Xunta á reivindicación ao Goberno central da transferencia, rescate e gratuidade da AP-9

A delegada territorial da Xunta en Ferrol reuniuse hoxe con representantes da Unión de Consumidores de Galicia

Ferrol, 26 de marzo de 2026

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, mantivo unha reunión con representantes da directiva da Unión de Consumidores de Galicia, na que tomaron parte a presidenta da organización, Rocío Arnoso Moure, e o seu secretario xeral, Miguel López Crespo.

Durante o encontro, entre outros temas, trataron a reivindicación ao Goberno central da transferencia, rescate e gratuidade da AP-9. Aneiros trasladoulles o apoio da Xunta ante esta petición, lembrando que o Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade a solicitude de transferencia da vía, unha iniciativa que foi atrasada en 45 ocasións nesta lexislatura e que segue a ser debatida no Congreso dos Deputados.

A delegada lamentou as accións do Goberno central e reiterou que a Xunta apoiará todas as accións conxuntas que se impulsen desde os colectivos de consumidores, o sector do transporte, o tecido empresarial e o conxunto da sociedade civil galega para esixir unha solución definitiva “que acabe cunha situación gravosa que nos afecta a todos os galegos”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/03/2026