O Concello de Mos acollerá en abril a quinta edición da súa feira formativa integrada en Galicia Educa

O director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación, Jesús Álvarez, participa na presentación desta cita xunto á alcaldesa, Nidia Arévalo

Contará con 85 expositores e información detallada para que o alumnado, familias e cidadanía en xeral coñezan as distintas opcións formativas dispoñibles

Mos (Pontevedra), 26 de marzo de 2026

O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, participou hoxe na presentación da V Mostra de Educación e Formación Formamos xunto á alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo. Trátase dun espazo para que o alumnado e tamén o público adulto que queren ampliar os seus estudos poidan coñecer as distintas opcións dispoñibles. O representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP felicitou ao Concello pola organización deste evento “que chega á súa quinta edición e que desde o inicio foi un éxito de convocatoria, tanto entre as institucións que presentan aquí a súa oferta, como no número de visitantes”, afirmou.

Neste sentido, puxo de relevancia o interese de estudantes, familias e cidadanía por contar cunha información detallada á hora de escoller os estudos que van determinar o seu futuro. “Por iso, desde a Xunta puxemos en marcha Galicia Educa, un calendario de 16 feiras en toda a Comunidade, tanto de ámbito autonómico como provincial e comarcal, co que achegar esta orientación a todas as persoas que queren formarse”, afirmou“. Ao mesmo tempo, nestes eventos dáse visibilidade ao traballo e proxectos innovadores dos centros de ensino”, indicou o representante do Goberno autonómico.

A feira desenvolverase os días 9 e 10 de abril, en horario de 09,00 a 14,00 horas, no pavillón Óscar Pereiro. Contará con 85 expositores, entre eles os das consellerías de Educación, de Emprego, Comercio e Emigración e de Cultura, Lingua e Xuventude. Neste marco, amosarán a súa oferta os centros públicos con ensinanzas de FP ou de réxime especial da contorna, así como universidades, academias ou forzas e corpos de seguridade, entre outros. De xeito paralelo, desenvolveranse diversos obradoiros no evento, de música, comercio, imaxe persoal ou reanimación cardiopulmonar

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/03/2026