A Xunta licita por máis de 4,8 M€ servizos de tecnoloxías da información para mellorar a atención sanitaria da cidadanía e o apoio a profesionais
Búscase dar soporte técnico e administrativo a sistemas esenciais como a historia clínica electrónica IANUS, a imaxe médica dixital e a receita electrónica
Son necesarios debido á continua ampliación dos sistemas de información do Servizo Galego de Saúde, onde a plataforma sustentará novos proxectos baseados en intelixencia artificial e analítica de datos, así como servizos na nube
A capacidade de cómputo e almacenamento que soportan os sistemas de información son un instrumento básico do Servizo Galego de Saúde que contribúe á simplificación do traballo dos profesionais
Os contratos enmárcanse no Plan Estratéxico de Transformación e Saúde Dixital da Consellería de Sanidade
As empresas interesadas nestes contratos teñen de prazo ata o 27 de abril para presentar as súas ofertas
Santiago de Compostela, 1 de abril de 2026
A Xunta, a través da Consellería de Sanidade, publica no Portal de Contratos Públicos, a contratación da xestión e evolución da plataforma de servidores UNIX, sistemas de almacenamento e ferramentas de monitorización e Backup do Servizo Galego de Saúde, por un importe de 2.415.508,48 euros, e a contratación da xestión e evolución da plataforma de servidores x86, software de base asociado e na nube, por un importe de 2.405.857,52 euros.
O Servizo Galego de Saúde conta cunha arquitectura de sistemas de información de alta dispoñibilidade, deseñada para sustentar servizos asistenciais de máxima importancia, como a historia clínica informatizada (IANUS), a imaxe médica dixital e a receita electrónica. Esta contorna operativa baséase nunha plataforma de alto rendemento e robustez que integra infraestruturas de servidores de última xeración, sistemas avanzados de almacenamento e software de base especializado.
A estes sistemas de información están conectados máis de 45.000 profesionais e conta con máis de 2.500 servidores, e máis de 10 PB de información, situados nos centros de proceso de datos da Consellería de Sanidade e das sete áreas sanitarias.
Calidade asistencial
Esta contratación é necesaria pola evolución dos sistemas de información do departamento sanitario para adaptarse ás necesidades do Plan Estratéxico de Transformación e Saúde Dixital, que implican proxectos de historia clínica intelixente, big data, empoderamento do paciente, teleconsulta, ou diagnóstico de imaxe médica.
Nese marco, faise preciso un soporte ininterrompido con cobertura técnica as 24 horas do día, os 7 días da semana, para a xestión de infraestruturas para asegurar os máximos niveis de funcionamento, así como a evolución dos sistemas para mellorar o traballo dos profesionais sanitarios e a dispoñibilidade e acceso seguro a información almacenada.
A capacidade de cómputo e almacenamento que soportan os sistemas de información son un instrumento básico do Servizo Galego de Saúde que contribúe á simplificación do traballo dos profesionais.
Estes proxectos están cofinanciados pola Unión Europea, a través do Programa FEDER de Galicia 2021-2027.
Con esta inversión, o Sergas reforza o seu compromiso cunha sanidade moderna, segura e tecnoloxicamente avanzada en todos os seus centros e áreas sanitarias
Os contratos terán unha duración inicial de 2 años, e poderían ser obxecto dunha posible prórroga ata un máximo de 4 años en total.
As empresas interesadas nestes contratos teñen de prazo ata o 27 de abril para presentar as súas ofertas.