A Unidade de Policía Adscrita de Galicia investiga unha persoa en Mondoñedo por presunto maltrato animal

Unha patrulla da Unidade de Medio Ambiente atopou un poldro morto nunca finca durante un servizo de vixilancia e, tras identificar a persoa responsable e proceder a unha inspección, deu con outro cabalo tirado no chan con síntomas de inanición

Lugo, 6 de abril de 2026

Axentes da xefatura da Unidade de Policía Adscrita de Galicia en Lugo investigan unha persoa por un presunto delito de maltrato animal ante a situación de abandono na que se atopaban varios equinos nunca finca situada no lugar de Cruz de Cancela, no concello lugués de Mondoñedo.

Os feitos saíron á luz durante un servizo de vixilancia, cando unha patrulla da Unidade de Medio Ambiente observou a presenza dun poldro morto nunha charca, así como varios cabalos sen acceso a auga e en aparente estado de abandono. Ante esta situación, os axentes iniciaron as xestións necesarias para identificar á persoa responsable da parcela e dos animais.

Posteriormente, outro efectivo da mesma unidade desprazouse ao lugar e logrou localizar a persoa propietaria da finca. No transcurso da inspección, os axentes comprobaron tamén a presenza doutro cabalo tirado no chan, con claros síntomas de inanición e dificultades para incorporarse. Por este motivo, requiríuselle á persoa responsable que garantise de inmediato a atención dos animais, asegurando tanto o subministración de auga como a asistencia necesaria para aqueles que presentaban un estado máis grave. Así mesmo, desde a Instrución coordináronse actuacións con veterinarios da Consellería do Medio Rural para asegurar a atención urxente do equino afectado.

A persoa responsable dos animais resultou investigada por un presunto delito de maltrato animal e as dilixencias instruídas foron remitidas ao Xulgado de Instrución de Garda de Mondoñedo.

Cómpre sinalar que a Lei 32/2007 do 7 de novembro, para o coidado dos animais, na súa explotación, transporte, experimentación e sacrificio ten como obxecto establecer as normas básicas para o coidado dos animais de produción, de xeito que se adoptarán as medidas necesarias para asegurar que, nas explotacións, os animais non padezan dores, sufrimentos ou danos inútiles. Así mesmo, o Código Penal recolle o delito de malos tratos animais, castigando unha serie de condutas nas que se causan lesións, se provoca a morte, se abandona en certas circunstancias ou se maltrata gravemente.

Data de actualización: 06/04/2026