A Xunta realiza actuacións no humidal de Doniños para eliminar a presenza de especies exóticas invasoras

A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, visitou os traballos que se están a desenvolver para a súa retirada deste espazo natural

A intervención forma parte dun plan máis amplo de conservación de humidais da provincia que conta en Ferrol cun investimento superior aos 157.000 euros

Ferrol, 9 de abril de 2026

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou hoxe o humidal de Doniños, onde a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático está a realizar distintas actuacións de eliminación de especies exóticas invasoras (EEI) no marco dun plan para a conservación e restauración de varios humidais na provincia da Coruña.

Neste caso estanse levando a cabo accións para o control de especies exóticas invasoras terrestres na zona. Os labores de retirada céntranse especialmente na sempreviva (Helichrysum petiolare), moi presente na zona de Doniños, co fin de evitar a súa expansión e que supoña o desprazamento doutras especies autóctonas. Os traballos para o seu control consisten na roza e no arranque manual das raíces, tarefas que se executan fóra do período de diseminación de sementes para unha maior efectividade.

Aneiros puxo en valor esta iniciativa, cofinanciada pola Unión Europea con recursos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e que conta cun orzamento de máis de 18.000 euros para as actuacións que se están a desenvolver en Doniños así como máis de 157.000 euros para o conxunto de traballos a realizar na zona de Ferrol. “Estas accións, clave para a conservación dos nosos espazos naturais, permitirannos desfrutar e manter tanto a rica biodiversidade como as especies autóctonas presentes en enclaves coma este”, destacou a delegada.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/04/2026