A Xunta publica no apartado de Transparencia e Goberno Aberto o texto da nova orde para posibles achegas
A Xunta regulará por primeira vez un procedemento específico para a xestión de queixas, suxestións e agradecementos no sistema sanitario público de Galicia
A nova orde establecerá un marco xurídico propio para o ámbito sanitario que garantirá unha resposta á cidadanía nun prazo máximo de 30 días hábiles
Xunto coa tradicional modalidade presencial, os cidadáns poderán empregar medios electrónicos para tramitar as súas comunicacións coa Administración sanitaria, ben sexa a través web do Sergas, nos puntos multimedia dos centros sanitarios ou na aplicación Sergas Móbil
O texto da nova norma entra agora na fase de envío de suxestións, que estará aberto até o vindeiro 29 de abril
Santiago de Compostela, 9 de abril de 2026
A Consellería de Sanidade vén de publicar no Portal de Transparencia e Bo Goberno, o anteproxecto de orde co que regulará dun xeito específico, e por primeira vez, o procedemento de presentación e tramitación de suxestións, queixas e agradecementos no ámbito do sistema sanitario público de Galicia.
Con esta norma o Executivo galego afondará no dereito de participación cidadá ao tempo que optimiza a calidade asistencial da sanidade pública galega. Ademais, garantirá unha xestión máis áxil e transparente das comunicacións dos usuarios coa Administración.
Así, establecerá un marco xurídico propio para o ámbito sanitario no que se garantirá unha resposta á cidadanía no prazo máximo de 30 días hábiles.
A nova orde recolle tres tipos de comunicacións que contribuirán ao bo funcionamento do sistema sanitario. Por unha banda, as suxestións ou iniciativas que teñen como finalidade mellorar a organización e a calidade dos servizos; as queixas, ou aquelas manifestacións de insatisfacción sobre o seu funcionamento; e, por último, os agradecementos, cos que a cidadanía terá a posibilidade de recoñecer o trato recibido e a actuación dos profesionais.
O novo sistema permitirá presentar as comunicacións empregando medios electrónicos, ben sexa a través da web do Sergas, a aplicación Sergas Móbil ou nos puntos de información multimedia situados nos centros sanitarios. Non obstante, mantense a opción de presentar os escritos dun xeito presencial empregando o modelo normalizado, ben sexa nos hospitais, nos centros de saúde ou nos diferentes rexistros administrativos.
Cómpre destacar que os usuarios poderán consultar en todo momento o estado da súa tramitación, ao facilitárselle mediante un código identificativo que se asignará ao comezo do proceso.
Ámbito de aplicación e prazo de suxestións
A nova regulación será aplicable a todos os centros e servizos sanitarios públicos da comunidade galega, incluíndo as entidades instrumentais vinculadas á Consellería de Sanidade.
Quedan excluídos do procedemento os recursos administrativos, as reclamacións de responsabilidade patrimonial e as queixas presentadas ante o Valedor do Pobo.
A Xunta publica no apartado de Transparencia e Goberno Aberto o texto da nova orde para posibles achegas. Así o texto entra na fase de envío de suxestións, que estará aberta ata o vindeiro 29 de abril.
Con esta normativa, Galicia dótase dun instrumento adaptado ás particularidades da contorna sanitaria, cumprindo coas liñas estratéxicas da Axenda Galega de Saúde 2030 para lograr un sistema máis equitativo, accesible e adaptado ás necesidades da poboación.