Cerdedo-Cotoade amplía e mellora o acceso a Tenorio entre o campo de fútbol e o local da escola de música grazas a unha achega da Xunta de máis de 140.000 euros

O Plan Camiña Rural destina preto de 4 millóns de euros aos concellos da provincia de Pontevedra

Os traballos permitirán mellorar tamén o firme para adaptalo ao tipo de tráfico que soporta esta vía, reforzar o perfilado dos terrapléns, construír novas cunetas e dotar de novas prazas de estacionamento a contorna do local da banda de música

O delegado territorial visitou o avance das obras acompañado polo alcalde, Jorge Cubela, e destacou a importancia da colaboración entre institucións

Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), 10 de abril de 2026

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou o concello de Cerdedo Cotobade, acompañado polo alcalde, Jorge Cubela, para comprobar o avance das obras de ampliación e mellora do camiño de acceso a Tenorio entre o campo de fútbol e o local da escola de música e que están a ser executadas ao abeiro do Plan Camiña Rural.

No caso de Cerdedo Cotobade, este programa autonómico supón un investimento de máis de 140.000 euros, destinados á mellora, ensanche e pavimentación de camiños municipais e vías rurais, co obxectivo de reforzar a seguridade e facilitar a mobilidade no ámbito rural. Así, os trabalos permitirán mellorar tamén o firme para adaptalo ao tipo de tráfico que soporta esta vía, reforzar o perfilado dos terrapléns, construír novas cunetas e dotar de novas prazas de estacionamento a contorna do local da banda de música.

Durante a visita, o delegado territorial destacou a importancia deste tipo de actuacións “que poñen o foco nas necesidades da veciñanza e que, grazas á colaboración dos alcaldes e alcaldesas, teñen un impacto real e positivo no día a día dos usuarios destas vías”.

Pola súa banda, o alcalde agradeceu á Xunta o investimento realizado e explicou que esta obra suporá unha mellora moi importante da calidade de vida dos habitantes da zona e un punto de inflexión para todos os que habitualmente usan as instalacións deportivas e culturais de Tenorio.

O Plan Camiña Rural 2025-2026 prevé un investimento total de case 4 millóns de euros nos concellos da provincia de Pontevedra. Na área de influencia do concello de Pontevedra, son 10 os municipios beneficiados, cun investimento global próximo aos 640.000 euros.

Esta liña de actuación da Xunta de Galicia ten como finalidade mellorar a rede de camiños municipais, contribuíndo á vertebración do territorio, ao desenvolvemento rural e á fixación de poboación, ao tempo que se incrementa a seguridade viaria nestas contornas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/04/2026