Medio Rural destaca o compromiso coa remuda xeracional a través das axudas para incorporación de mozos e plans de mellora

A conselleira María José Gómez visitou este mediodía a gandaría Casal-Vázquez en Melide, que foi beneficiaria destas achegas, e puxo de manifesto o orzamento da última convocatoria destas subvencións; 53 M€, a maior dotación desde o ano 2018

Agradeceu á co-titular da explotación o seu labor “como muller, como gandeira e como influencer”, xa que non só xestiona a granxa, senón que tamén comparte en redes sociais a súa experiencia, algo que serve como exemplo para outros mozos

Melide (A Coruña), 15 de abril de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou hoxe o compromiso da Xunta coa remuda xeracional no agro a través das axudas para a incorporación de mozos e plans de mellora das explotacións. Foi durante a súa visita á gandaría Casal-Vázquez, situada en Melide, e na que estivo acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros.

Nesta liña, a conselleira fixo fincapé no orzamento da última convocatoria destas subvencións, que acada os 53 millóns de euros e que representa a maior dotación destas achegas desde o ano 2018. Ademais, cómpre salientar que desde o 2009 estas axudas apoiaron a incorporación de máis de 5.000 mozos ao agro galego e que só no período 2016-2024 esta medida supuxo unha inxección económica no rural duns 369 millóns de euros, beneficiando máis de 5.800 explotacións.

Labor de divulgación a través das redes sociais

Sobre a gandaría visitada hoxe, a conselleira quixo agradecer á súa co-titular, Lucía Casal, o seu traballo “como muller, como gandeira e como influencer”, xa que esta moza, que recibiu axuda para a súa incorporación, non só xestiona a granxa, senón que tamén comparte en redes sociais a súa experiencia. Un labor de difusión e de divulgación que Gómez cualificou como “fundamental para animar a outras mozas e mozos” a seguir o seu exemplo.

Do mesmo xeito, a titular de Medio Rural subliñou que esta explotación recibiu tamén achegas para mellorar as súas instalacións, un proceso no que segue avanzando para consolidar a súa actividade, centrada no vacún de carne en extensivo con máis de 40 bovinos e inscrita en Ternera Gallega. Esta orientación produtiva, segundo sinalou Gómez, é clave para ordenar e xestionar o territorio cun enfoque sustentable.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/04/2026