A Cidade da Cultura de Galicia acolleu a primeira xuntanza deste grupo de expertos
A Xunta reúne a científicos de prestixio no consello asesor de I+G+i para reforzar o avance neste campo
Román Rodríguez preside a constitución deste órgano, que asesorará ao executivo para atender os retos en I+G+i e situar a Galicia como referente no ámbito científico
Forman parte do Consello Asesor Ángel Carracedo, Concepción Paz, Eva Poveda, Minia Manteiga, Senén Barro, Jorge Barrero, Cuqui Siilva, Paloma Domingos, Jesús Lago, Santiago Domínguez, Sara Rodríguez e Sonia Martínez
A elaboración da nova Lei de ciencia e innovación de Galicia e a revisión dos ámbitos estratéxicos para a nosa Comunidade son prioridades que abordarán conxuntamente
Santiago de Compostela, 16 de abril de 2026
A Xunta dá un paso clave para atender os retos da I+G+i e posicionar a nosa Comunidade como referente neste eido coa constitución do Consello Asesor en Investigación e Innovación de Galicia, que reúne a 12 científicos de recoñecido prestixio. O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, presidiu esta mañá a sesión constituínte deste órgano, que asesorará ao Goberno galego para impulsar aínda máis o potencial galego neste campo. Neste primeiro encontro abordouse o plan para a elaboración e aprobación da futura Lei de ciencia e innovación de Galicia e a revisión dos ámbitos prioritarios da política de I+D+i galega.
Este órgano está formado por 12 expertos de recoñecido prestixio, tanto a nivel galego como internacional, nos ámbitos científico, tecnolóxico, empresarial e das políticas públicas. Na actualidade a Comunidade despunta en ámbitos como a biotecnoloxía, a intelixencia artificial ou a computación cuántica e acada numerosos fitos. O obxectivo deste consello asesor é apoiar e asesorar ao Executivo autonómico nas súas políticas públicas de I+D+i para seguir acadando éxitos e posicionando Galicia como un territorio de referencia nesta materia.
Román Rodríguez destacou que esta primeira reunión permite ver o apoio da sociedade civil á ciencia que se desenvolve en Galicia, con membros vencellados co mundo universitario, con empresas, co ámbito da transferencia e tamén co da xestión. A función deste órgano, que se reunirá polo menos unha vez ao ano, é asesorar, axudar e informar á Xunta para deseñar as mellores políticas de ciencia posibles, indicou o conselleiro.
Na súa primeira xuntanza, ademais de constituírse, o órgano abordou o plan para a elaboración e aprobación da nova Lei de ciencia e innovación de Galicia, que pretende actualizar e reforzar o modelo integrado de I+D+i existente na Comunidade, adaptándoo aos novos retos tecnolóxicos e sociais. Neste eido, o Consello Asesor desempeña un papel fundamental como órgano de apoio técnico e estratéxico e a súa participación agárdase que contribúa a garantir que a futura norma responda ás necesidades reais do ecosistema galego de I+D+i, reforzando a transferencia de coñecemento, a colaboración público-privada e a proxección internacional da investigación desenvolvida en Galicia.
Por outra banda, instouse a este órgano a participar na revisión dos ámbitos de priorización da Estratexia de especialización intelixente de Galicia 2021-2027. Trátase de adaptarse ás novas realidades económicas e tecnolóxicas, atendendo ás fortalezas a sectores emerxentes e ás transicións dixital e verde. O obxectivo final é consolidar un modelo de especialización máis eficiente, centrado en ámbitos nos que Galicia poida acadar vantaxes competitivas e xerar maior valor engadido, reforzando ao mesmo tempo a conexión entre investigación, innovación e tecido produtivo.
Composición do Consello Asesor
As persoas que forman parte deste organismo, ademais do conselleiro, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, son cinco no eido da investigación, tres no das políticas públicas e catro no ámbito da innovación, empresa e emprendemento.
No campo da investigación, atópase o catedrático de Medicina Legal e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, Ángel Carracedo; a catedrática de Enxeñaría Mecánica, Maquinas e Motores Térmicos e Fluídos na Universidade de Vigo, Concepción Paz; a directora científica do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, Eva Poveda; a catedrática de Astrofísica de Galicia e presidenta da Sociedade Española de Astronomía, Minia Manteiga, e o catedrático de Intelixencia Artificial e director científico do Centro singular de investigación en tecnoloxías intelixentes (CiTIUS), Senén Barro.
Na área das políticas públicas de I+D+i, integran o Consello o director xeral da Fundación Cotec para a Innovación, Jorge Barrero; o enxeñeiro agrónomo e exdirector xeral de Agricultura e de Investigación da Comisión Europea, José Manuel Silva, e a doutora en Informática e licenciada en Física e directora adxunta da Fundación Xeral do CSIC, Paloma Domingos. No eido da innovación, empresa e emprendemento, participan o director xerente do centro tecnolóxico Aimen e presidente da rede Atiga; Jesús Ángel Lago; o cofundador e CEO de Mestrelab Research, Santiago Domínguez; a CEO da empresa líder en maquinaria para a industria conserveira Hermasa Canning Technology, Sara Rodríguez, e a doutora en Bioloxía Molecular e fundadora de Batea Oncology, Sonia Martínez.