Rueda anuncia que a Xunta aproba o decreto que institucionaliza o diálogo social como marco clave para tratar retos estratéxicos do mercado laboral
A norma establece o funcionamento e composición da Mesa de Diálogo Social e regula este espazo do que forman parte o Executivo galego e os axentes sociais
O conselleiro de Emprego resalta que o obxectivo “é consolidar esta ferramenta clave da negociación colectiva” e “adaptala ás novas realidades sociolaborais e económicas”
O decreto tamén servirá para actualizar as mesas que compoñen este espazo de negociación —Mesa de Emprego e Mesa de Economía e Industria—
A Xunta levará a esta Mesa o deseño dun plan integral para reducir o impacto do absentismo na actividade económica galega
Santiago de Compostela, 20 de abril de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe o decreto “que regula o diálogo social en Galicia”. En concreto, esta normativa vai “establecer a composición, organización e funcionamento da denominada Mesa de Diálogo Social de Galicia”, adscrita á Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da que forman parte o Goberno galego e os axentes sociais —organizacións sindicais e patronal—. Con el o Goberno galego institucionaliza o Diálogo Social establecendo unha norma reguladora do mesmo en Galicia.
Deste xeito, a través dun decreto que crea a Mesa de Diálogo Social de Galicia como o superior órgano de participación institucional permanente da nosa comunidade. “Queremos consolidar esta ferramenta clave da negociación colectiva”, indicou o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González.
Este paso realízase logo de anos de funcionamento do Diálogo Social en Galicia e tras consensualo cos axentes socias. Así, o obxectivo desta norma —que se publicará en próximos días no Diario Oficial de Galicia— é “adaptar esta ferramenta as novas realidade sociolaborais e económicas”, indicou o conselleiro.
En concreto, a normativa reflicte as funcións e composición da Mesa de Diálogo Social, que consta de, Presidencia honorífica, Presidencia, Vicepresidencia, Vogalías e Secretaría, e o seu funcionamento a través do Pleno, da Comisión Delegada e das Mesas Sectoriais e Intersectoriais.
Neste sentido, tal e como indicou José González, o decreto tamén “servirá para actualizar a composición das mesas que compoñen o Diálogo Social” e nas que están representadas diferentes consellerías. Actualmente estas mesas son a Mesa de Emprego, que inclúe os grupos de traballo de Políticas activas de emprego e flexibilidade da formación, prevención de riscos laborais e absentismo laboral e Igualdade laboral e a Mesa de Economía e Industria, cos grupos de traballo de Industria e enerxía, Naval e Automoción.
Absentismo e benestar laboral no Diálogo Social
Unha das funcións da Mesa de Diálogo Social é a realización de estudos e informes relativos as materias obxecto de debate neste espazo. Mostra disto e do compromiso da Xunta coa negociación colectiva é o traballo que realizará no seo do Diálogo Social en relación a cuestións como o absentismo e o benestar laboral.
Tendo en conta que este é un fenómeno que non atinxe só á administración autonómica, a Xunta analizará xunto cos axentes sociais as causas e consecuencias das baixas laborais, debullando esta mesma tarde as conclusións dun informe realizado por expertos das universidades galegas. A partir de aí, tal e como explicou o conselleiro, o Goberno galego levará a este espazo de negociación colectiva “o deseño dun plan integral para reducir o impacto do absentismo na actividade económica galega”, que partindo do máximo respecto aos dereitos das persoas traballadoras buscará solucións consensuadas coa parte social.
A folla de ruta trazada pola Xunta e que dialogará con sindicatos e patronal busca reducir as baixas que poidan ser evitables, reforzando a prevención de riscos laborais e o benestar laboral —cuestión que terá tamén un papel central na nova estratexia autonómica de RSE—, evitar prolongacións innecesarias das baixas introducindo melloras nos procesos de xestión e control e, tamén, loitar contra posibles abusos.