Medio Rural amplía o prazo para a solicitude única das axudas da PAC ata o 15 de maio

Isto realízase conforme a normativa vixente, que establece a posibilidade de que as comunidades autónomas poidan ampliar o prazo de presentación co fin de facilitar o labor das entidades tramitadoras

Está previsto que a campaña de 2026 supoña para o agro galego unha inxección total de case 220 millóns de euros, unha cifra semellante ás anteriores dentro do Plan Estratéxico da PAC (Pepac) 2023-2027

Esta orde recolle tamén o paquete de flexibilizacións destinado a minimizar os efectos dos temporais deste pasado outono, que ten como obxectivo aliviar as cargas de obrigas ás que os beneficiarios deben facer fronte para cobrar estas axudas

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2026

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola que se amplía o prazo da solicitude única das axudas da Política Agraria Común (PAC) ata o vindeiro 15 de maio. Isto realízase conforme á normativa vixente, Real Decreto 1048/2022, que establece a posibilidade de que as comunidades autónomas poidan ampliar o prazo de presentación da solicitude única da PAC como moi tarde ata a devandita data. Deste xeito, con esta ampliación facilítase ás entidades tramitadoras o seu labor.

A convocatoria da PAC publicouse o 20 de febreiro no DOG e con ela prevese beneficiar uns 23.000 agricultores e gandeiros da nosa comunidade. A partir do día seguinte á súa tramitación as entidades colaboradoras conveniadas co Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) comezaron a rexistrar as solicitudes. Está previsto que a campaña de 2026 supoña para o agro galego unha inxección total de case 220 millóns de euros, unha cifra semellante ás anteriores dentro do Plan Estratéxico da PAC (Pepac) 2023-2027.

A orde publicada hoxe no DOG recolle tamén o paquete de flexibilizacións destinado a minimizar os efectos dos temporais deste pasado outono, que ten como obxectivo aliviar as cargas de obrigas ás que os beneficiarios deben facer fronte para cobrar estas axudas. Debido a causas de forza maior, as autoridades competentes poden establecer flexibilizacións adicionais para paliar os efectos de fenómenos catastróficos, e así, estas novas veñen a sumarse ás que xa había no ámbito da PAC.

Dentro destas modificacións destacan, entre outras, a redución da esixencia da carga gandeira no ecorrexime de pastoreo extensivo ou as flexibilidades na condicionalidade reforzada. Suavizouse tamén a BCAM 7, coa posibilidade de declarar como barbeito aquelas parcelas nas que por causa dos temporais non resultara viable o cultivo sementado ou que non se puidese ter realizado a sementeira.  

Cómpre lembrar que as axudas da PAC son esenciais para o mantemento da actividade agrícola e gandeira, a rendibilidade económica das explotacións e o mantemento de poboación no medio rural. O obxectivo final destas achegas é manter o sector agrícola europeo, de xeito que se compensa ás persoas que traballan no agro polos servizos ambientais que proporcionan, a calidade das súas producións e as esixencias lexislativas de máximo nivel impostas pola Unión Europea a prol da sustentabilidade.

Neste contexto, en relación coa PAC a partir do 2028, o Goberno autonómico demanda cambios nesta proposta comunitaria para evitar un recorte de fondos e a perda dos dous piares tradicionais da PAC, que actualmente blindan as axudas directas e os programas de desenvolvemento rural.

Ligazón á orde no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260420/AnuncioG0426-150426-0001_gl.html

Data de actualización: 20/04/2026