A Xunta contratou no ano 2025 a máis de 13.000 empresas e autónomos por máis de 2.300 M€

O conselleiro de Facenda e Administración Pública inaugurou as xornadas sobre Estratexia de Contratación da EGAP

Subliñou que a nova Estratexia Galega de Contratación Pública avanza cara a unha contratación máis planificada, máis dixital e mellor estruturada

O documento regula a estandarización de pregos, o uso intelixente dos medios electrónicos e a axeitada definición das necesidades

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2026

O conselleiro de Facenda e Administración Pública destacou hoxe que a Xunta de Galicia contratou por máis de 2.300 millóns de euros en 2025 a máis de 13.000 empresas e autónomos. Destes contratos, máis do 50% foron de subministracións.

Durante a inauguración das xornadas sobre Estratexia de Contratación, organizadas pola Escola Galega de Administración Pública, Miguel Corgos subliñou que estas cifras poñen de manifesto a relevancia en termos económicos da contratación pública e a importancia de mellorar todo o relativo á súa tramitación para acadar o mellor funcionamento da Administración autonómica. “Por iso, desde o Goberno galego tivemos claro que tiñamos que dar un novo impulso estratéxico, de forma coordinada e unificada”, dixo, referíndose a nova Estratexia de Contratación.

A Estratexia Galega de Contratación Pública foi aprobada o pasado mes de xaneiro no Consello da Xunta co obxectivo de fomentar a compra do produto local e de proximidade, de favorecer unha contratación baixo os parámetros de sustentabilidade e para potenciar a participación das pemes galegas. Coa súa aprobación, Galicia converteuse na segunda Comunidade autónoma española en contar cun documento deste tipo, tras Cataluña.

Máis polo miúdo, o conselleiro da Facenda galega subliñou que a nova planificación aproveitará as oportunidades das ferramentas tecnolóxicas para detectar as principais dificultades na tramitación dos expedientes e, desta forma tratar de buscar solucións específicas que axilicen a xestión dos procedementos. “Somos conscientes de que os procedementos excesivamente complexos, os prazos dilatados ou a documentación pouco clara xeran custos, tanto para a administración como para as empresas, ademais de retrasar a execución dos contratos e reducir a competencia”, dixo.

Miguel Corgos precisou que mellorar a eficiencia dos procedementos de contratación non significa reducir garantía, senón simplificar procesos, eliminar cargas innecesarias e gañar axilidade, mantendo sempre os principios de legalidade, transparencia e concorrencia.

Máis planificada, máis dixital e mellor estruturada

Nesta liña, afirmou que é fundamental avanzar cara a unha contratación máis planificada, máis dixital e mellor estruturada, a través da estandarización de pregos, o uso intelixente dos medios electrónicos, a axeitada definición das necesidades e a correcta elección do procedemento.

Así mesmo, destacou tamén a importancia dunha contratación estratéxica aliñada coas necesidades e singularidades do noso territorio e do tecido económico e que aposte por potenciar a participación das pemes, o verdadeiro tecido produtivo da economía galega que xeran emprego, impulsan a innovación, fixan poboación no territorio e achegan valor engadido desde a proximidade e o coñecemento da contorna.

“O apoio ao tecido produtivo galego debe partir dunha análise das peculiaridades deste e fomentar a súa participación na contratación pública en xeral”, afirmou, incidindo en que deseñar procedementos máis accesibles e proporcionados, a división de lotes, a redución de cargas innecesarias, o uso efectivo de medios electrónicos, a claridade nos pregos e reforzar a formación e o acompañamento son medias claves neste sentido.

Sobre este último punto, o conselleiro recordou que a nova Estratexia de Contratación inclúe a creación dun Canal de atención específico para pemes e autónomos.

Ademais de destacar á aposta por abrir a contratación pública á innovación e á calidade, apostando polo produto local, Miguel Corgos fixo fincapé en que a planificación, a homoxeneización de criterios e a trazabilidade das decisións reducen os riscos, reforzan a seguridade xurídica e contribúen a previr prácticas irregulares.

O conselleiro de Facenda e Administración Pública concluíu subliñando que a profesionalización dos empregados públicos resulta fundamental nesta estratexia. “Non se trata só de ofrecer formación xenérica, senón de contar cunha moi específica, relativa á planificación e avaliación das necesidades a satisfacer, xustificación dos contratos, elaboración de pregos, contratación socialmente responsable, ecolóxica e innovadora ou emprego das ferramentas electrónicas de licitación e xestión de expedientes”, abundou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/04/2026