Belén do Campo destaca que a Xunta reserva 19 M€ ata o 2028 para apoiar ás empresas de transformación e comercialización de produtos agrarios
As achegas contan con dúas liñas subvencionables dirixidas a investimentos con obxectivos ambientais e para aumentar o valor das producións agrarias
Con elas poden financiar tanto investimentos para a construción e reforma de inmobles como para a compra de maquinaria e equipamentos novos ou programas informáticos, entre outros
Padrón (A Coruña), 23 de abril de 2026
A delegada da Xunta, Belén do Campo, visitou, esta mañá, a empresa Bodegas Pazo de Arretén, co obxectivo de supervisar o estado das actuacións de modernización que a empresa desenvolveu na súa adega de elaboración e embotellado de viño con denominación de orixe protexida Rías Baixas, xa que foi beneficaria, na última convocatoria, da orde de axudas de transformación e comercialización de produtos agrarios. Concretamente, na última convocatoria recibiu unha achega de máis de 23.500 euros para realizar un investimento global de máis de 67.000 euros.
Durante o percorrido, a representante autonómica coñeceu de primeira man as actuacións impulsadas por esta sociedade familiar, constituída no ano 2004. A adega conta cunha capacidade de produción próxima aos 80.000 litros e comercializa os seus viños baixo as marcas Pazo Arretén e Iriensis. A empresa dispón de entre 6 e 7 hectáreas de viñedo.
No transcurso da visita, Belén do Campo destacou o esforzo inversor da adega para mellorar os seus procesos produtivos e reforzar a súa competitividade. Neste sentido, a delegada puxo en valor as liñas de apoio da Consellería do Medio Rural destinadas á transformación e comercialización de produtos agrarios.
Bodegas Pazo de Arretén solicitou unha axuda que incluíu a adquisición de equipamento clave como unha prensa, un filtro amicróbico e un depósito isotérmico de 1.000 litros.
A representante do Goberno autonómico subliñou a importancia de apoiar iniciativas como esta, que contribúen á modernización do sector vitivinícola galego, á xeración de valor engadido no rural e á promoción de produtos de calidade vinculados ao territorio.
Finalmente, reiterou o compromiso da Xunta de Galicia co tecido empresarial agroalimentario, incidindo na necesidade de seguir impulsando investimentos que garantan a innovación, sustentabilidade e competitividade das explotacións.
A representante do Goberno autonómico puso en valor que na última convocatoria se repartiron na provincia da Coruña 14 axudas por un importe de case 3,3 millóns de euros que mobilizaron máis de 11 millóns de euros.
Nova convocatoria 2026/2028
Belén do Campo lembrou que a Consellería do Medio Rural volveu a convocar, este ano, estas achegas, dotadas con case 19 millóns de euros ata 2028, no marco do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (Pepac). Estes apoios contan con dúas liñas subvencionables, unha dirixida a investimento con obxectivos ambientais e outra centrada na concesión de achegas que aumenten o valor das producións agrarias.
Puideron solicitar estas subvencións os empresarios individuais ou sociedades que sexan ou vaian ser titulares de instalacións obxecto desta axuda. Con elas poderán financiarse tanto investimentos para a construción e reforma de inmobles como para a compra de maquinaria e equipamentos novos ou programas informáticos, entre outros.