A Xunta explica en Pontevedra os apoios autonómicos ao labor integral do tecido autónomo galego
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou hoxe na xornada sobre axudas destinadas ao colectivo de autónomos, organizada por APE Galicia
Pontevedra, 23 de abril de 2026
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou hoxe na xornada sobre axudas destinadas ao colectivo de autónomos, organizada en Pontevedra por APE Galicia. Alí salientou a orde única dotada de 40,7 M€ con apoios ao inicio, consolidación, mantemento ou reactivación da actividade e prazo de solicitudes aberto ata o 30 de setembro.
Esta orde, explicou, enmárcase no papel da Xunta como Administración facilitadora e abarca cinco programas. Un é o de promoción de emprego autónomo (28,9 M€), que inclúe novidades no ao ampliarse a dous anos a cobertura da cota cero aos autónomos que inicien a súa actividade asociada á agricultura, gandaría ou silvicultura, fronte aos 12 meses da liña xeral. Tamén o Bono Remuda, liña na que sobe un 20% o orzamento (1,5 M€); o Bono Nova Oportunidade (1,5 M€), para retornar ao autoemprego; o Bono Autónomo (8 M€), axudas a investimentos e melloras en negocios con máis de 42 meses activos; e á conciliación familiar (750.000 €).
Outros apoios que a Xunta pon a disposición deste colectivo e aos que se referiu son os destinados á contratación indefinida por parte dos autónomos (1,3 M€) —que tamén teñen o prazo de solicitude aberto ata o 30 de setembro— e as axudas destinadas ás asociacións de autónomos (350.000 €) das que pechou o prazo nas últimas semanas.
Con estas achegas, expuxo Pablo Fernández, o Goberno galego busca seguir fortalecendo o tecido autónomo galego, que representa preto do 19,3% das afiliacións, case catro puntos por riba da media estatal, sendo a segunda CCAA con maior peso do colectivo.