Galicia amosa a unha delegación de Murcia os avances do ensino galego en inclusión e dixitalización

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa visita co seu homólogo da Rexión da Murcia o Instituto do Milladoiro e o Centro de Innovación Educativa e Dixital

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2026

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, acompañou hoxe ao director xeral de Atención á Diversidade e Inclusión Educativa da Rexión de Murcia, Pedro Mondéjar, nunha visita a Galicia co obxectivo coñecer de primeira man o modelo educativo galego que impulsa a Xunta de Galicia, un referente en ámbitos como a inclusión, a innovación e a dixitalización. En concreto, pasaron polo Centro de Innovación Educativa e Dixital, situado no Edificio Fontán da Cidade da Cultura, e no Instituto do Milladoiro, en Ames.

A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destacou que o interese doutras comunidades autónomas “reafirma o bo traballo do ensino galego”. Nestes espazos, a delegación puido observar a aplicación do modelo inclusivo en contextos reais, coñecendo estratexias de atención á diversidade, o uso de recursos especializados, experiencias de convivencia e proxectos que favorecen a equidade.

Durante estas xornadas de traballo, a delegación murciana está a analizar tanto o marco normativo e organizativo como a aplicación práctica das políticas educativas galegas nos centros. Neste contexto, abordaron cuestións clave como a organización dos recursos de apoio á inclusión, a coordinación entre servizos educativos e sociais, a formación do profesorado e a aplicación de metodoloxías inclusivas nas aulas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/04/2026