A Xunta colabora coa XXXV Festa da Filloa de Muimenta, que se celebra o 1 de maio

A organización estima que se porán á venda 18.000 filloas neste evento, que acada os 35 anos e conta coa declaración de Interese Turístico Galego

Cospeito (Lugo), 28 de abril de 2026

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou esta tarde na presentación da XXXV Festa da Filloa de Muimenta, declarada de Interese Turístico de Galicia, que se celebrará o venres 1 de maio no recinto feiral Manuel Vila López e que conta co apoio da Xunta. No acto estiveron tamén o alcalde de Cospeito, Armando Castosa; o coordinador do evento, José Manuel Rus; e representantes da comisión organizadora, entre outros.

A organización estima que se porán á venda unhas 18.000 filloas ao longo da xornada. Haberá degustacións do produto con crema de cacao, nata ou mel, e tamén se poderán adquirir filloas sen glute.

O recinto feiral acollerá ademais unha exposición de artesanía e produtos de calidade, actividades de agility con cans, un obradoiro de artesanía en coiro, actuacións musicais e a entrega dos premios do 26º Concurso de relato e debuxo ‘Festa da Filloa’, dirixido a escolares e ao que se presentaron máis de 160 traballos.

O pregoeiro da festa será o xornalista David Valverde Cabaleiro. Este ano dáselle ademais continuidade á iniciativa posta en marcha na pasada edición de convidar outras celebracións de exaltación gastronómica da provincia para estreitar lazos e darlles visibilidade. Así, repiten presenza a Festa da Enfariñada de Trabada e a dedicada á Degustación do Requeixón de Vilamartín Pequeno, en Barreiros, e súmanse a Feira do Viño de Amandi, de Sober, e a Festa do Queixo e Pan de Ousá, de Friol.

Javier Arias enxalzou a Festa da Filloa como “un exemplo de tradición e de participación veciñal arredor dun produto tan propio da nosa gastronomía” e destacou o apoio da Xunta a iniciativas coma esta, “que reforzan a identidade de Galicia e xeran actividade no rural”.

Arredor de 150 persoas colaborarán durante toda a xornada para celebrar esta festa, participando na elaboración de filloas e doutros produtos gastronómicos, así como na atención aos visitantes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/04/2026