Mar e a Universidade de Santiago afondan na divulgación do valor nutricional dos produtos do mar
Santiago de Compostela, 29 de abril do 2026
O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, mantivo un encontro con representantes da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e da editorial McGraw Hill co obxectivo de explorar novas vías de colaboración que permitan afondar na divulgación da sostibilidade pesqueira e do valor nutricional dos produtos pesqueiros.
A USC impulsa a ecoetiqueta Pescaenverde, unha ferramenta que permite avaliar o impacto ambiental do peixe e marisco galegos en función de criterios como as emisións asociadas, o método de captura e a eficiencia no uso de recursos mariños. Esta iniciativa alíñase coa estratexia da Consellería de Mar, que desenvolve accións como a campaña GALICIA SABE AMAR, cuxo obxectivo principal é poñer en valor o consumo de peixe como parte dunha alimentación saudable, reforzando a relación entre nutrición e sostibilidade.