A Xunta colabora co Concello de Quiroga na recuperación do tramo da estrada municipal de Soldón a Vilarmel que se derrubou a semana pasada

Quiroga (Lugo), 4 de maio de 2026

A Xunta colabora co Concello de Quiroga na recuperación do tramo da estrada municipal de Soldón a Vilarmel que se derrubou o pasado martes como consecuencia das fortes choivas e que constitúe a única vía de acceso rodado aos núcleos de Paradapiñol, Rugando, Cereixido e Vilarmel.

A Administración autonómica estivo desde o primeiro momento en contacto co alcalde de Quiroga para interesarse polo alcance e as consecuencias deste incidente, así como para trasladar a vontade de colaboración, aínda tratándose dun viario de titularidade municipal.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, desprazouse hoxe ao lugar xunto co rexedor do municipio, José Luis Rivera, co fin de avaliar sobre o terreo as posibles solucións para devolver a plena operatividade á vía nesa zona. O Goberno galego e o Concello de Quiroga están a estudar conxuntamente o mellor xeito de proceder para reparar canto antes o tramo afectado, duns dez metros de lonxitude e, de feito, en breve comezarán os traballos para desescombrar e aplanar o terreo nese punto. Á espera da intervención, habilitouse un paso provisional para garantir o acceso ás catro aldeas en caso de necesidade.

Arias puxo en valor a “relevancia da colaboración institucional” para “resolver incidencias e facilitar a vida dos veciños e veciñas”, como tamén se puxo de manifesto a semana pasada co apoio da Xunta ao operativo de rescate das xovencas dun particular que caeron por un barranco de moi difícil acceso en San Xián de Ínsua, en Taboada.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/05/2026