A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse co presidente da entidade

A Xunta e a Autoridade Portuaria de Marín avalían vías de colaboración para poñer en valor o patrimonio histórico de Ons

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2026

A Xunta de Galicia e a Autoridade Portuaria de Marín e ría de Pontevedra estudarán vías de colaboración para poñer en valor e dar a coñecer o rico patrimonio histórico e cultural que alberga a illa de Ons, segundo acordaron a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o presidente da entidade, José Benito Suárez.

Durante un encontro que mantiveron hoxe, avaliaron en particular a situación do faro e dos sinais marítimos nas dependencias da instalación que non son necesarias para o funcionamento e mantemento do servizo de axuda á navegación polo que de cara ao futuro podería estudarse a posibilidade de reorientarlos a outros usos diferentes.

O obxectivo, en definitiva, é poñer en valor o patrimonio deste arquipélago do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, así como mellorar as opcións que ofrece a illa para o seu desfrute por parte dos visitantes.

Nese senso, Ángeles Vázquez explicou que, como primeiro paso, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático analizará desde un punto de vista xurídico cal é a vía de colaboración máis axeitada e unha vez definida, fixaranse novas reunións a nivel técnico para concretar posibles actuacións conxuntas na illa.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/05/2026