O xerente do Sergas, José Ramón Parada, reafirmou hoxe no Parlamento de Galicia o compromiso do Goberno galego coa mellora da sanidade pública na provincia
A Xunta subliña o seu compromiso coa renovación das infraestruturas sanitarias de Ourense e traballa para que o novo edificio de hospitalización estea funcionando o vindeiro ano
Parada remarca que a transformación estrutural do complexo hospitalario ourensá responde a unha estratexia planificada na que se conxuga a mellora das infraestruturas coa continuidade asistencial
Destaca o investimento de 55,5 M€ cos que a Xunta está a modernizar e ampliar o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, coa construción dun novo edificio de hospitalización de 12 plantas
Santiago de Compostela, 7 de maio de 2026
O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, reafirmou esta mañá no Parlamento de Galicia o compromiso da Xunta coa mellora da sanidade pública de Ourense, coa ampliación e remodelación integral do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, unha actuación na que a Xunta está a investir máis de 55 millóns de euros.
No marco da Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego, José Ramón Parada explicou que o modelo de transformación escollido polo Goberno galego combina a construción de novas edificacións con actuacións de reforma integral, a mellor opción dispoñible, dixo, para mellorar as infraestruturas sanitarias ao tempo que se mantén a actividade asistencial en todo momento.
A estratexia escollida, abundou, baséase en “informes de enxeñería e xestión clínica”, criterios que avalan a renovación por fases como a opción máis racional e eficaz para manter a continuidade asistencial.
Durante a súa intervención, o xerente do Sergas sinalou que o novo edificio de hospitalización do CHUO contará con 12 plantas e que a súa execución se está a desenvolver “a un ritmo intenso".
De acordo coas previsións do Servizo Galego de Saúde, o obxectivo é que o novo edificio de hospitalización estea plenamente en funcionamento o vindeiro ano, tras superar as probas de instalacións e a dotación de equipamento.
No que atinxe ao Novo Materno-Infantil, Parada explicou os motivos que levaron á opción de construción dun edificio totalmente novo. Neste sentido destacou as vantaxes da construción dun novo edificio, xa que permitirá unificar todos os servizos materno-infantís nun único espazo, simplificar as conexións internas e garantir unha maior vida útil do inmoble.
O xerente do Servizo Galego de Saúde pechou a súa intervención destacando a aposta da Xunta pola mellora da sanidade pública na cidade de Ourense, como así o demostran os investimentos realizados nos últimos anos na nova Unidade de Coidados Intensivos, na Unidade de Medicina Nuclear co primeiro PET da área ou na Unidade de Ictus.