A Xunta investirá máis de 3,6 millóns de euros na mellora da seguridade viaria da PO 533 ao seu paso por Lalín, Rodeiro e Dozón
Os traballos inclúen a mellora do firme, das áreas de servizo e da sinalización vertical
O delegado territorial lembrou o compromiso da Xunta coa conservación das estradas autonómicas
Lalín (Pontevedra), 8 de maio de 2026
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, informou esta mañá sobre a licitación das obras de reforzo de firme e acondicionamento das vías de servizo na estrada PO-533, ao seu paso polos concellos de Lalín, Dozón e Rodeiro, unha actuación estratéxica para mellorar a seguridade viaria e as condicións de circulación nesta vía.
A intervención abrangue dous treitos da PO-533, concretamente entre os puntos quilométricos 1+300 e 14+820, e do 15+940 ao 21+430, e ten como principal obxectivo optimizar as características do firme e incrementar a seguridade dos usuarios.
Durante a visita, o delegado territorial destacou que estas obras supoñen “unha aposta decidida da Xunta pola conservación e mellora da rede viaria autonómica, especialmente en zonas de alta utilización, contribuíndo a unha mobilidade máis segura e eficiente”. Os traballos inclúen actuacións de reforzo do firme mediante fresado do carril, cun espesor de 5 ou 12 centímetros segundo o grao de deterioro, e a súa posterior reposición con mesturas bituminosas en quente. Nos treitos máis danados, estanse a aplicar solucións máis profundas, combinando diferentes capas para garantir unha maior durabilidade da infraestrutura.
No caso das vías de servizo, as actuacións contemplan a escavación de ata 30 centímetros para o saneamento das zonas afectadas, así como a reposición do firme mediante a aplicación de capas de saburra artificial, macadam e unha capa final de rodadura adaptada ás necesidades da vía.
Ademais, o proxecto inclúe melloras en materia de sinalización horizontal, coa incorporación de marcas viarias con resaltes nos bordos da calzada, que permiten aumentar a visibilidade en condicións meteorolóxicas adversas e reducir o risco de saídas de vía.
No ámbito da drenaxe, realizaranse labores de conservación e limpeza dos sistemas existentes, garantindo o correcto funcionamento da evacuación de augas.
A licitación contempla un investimento superior aos 3,6 millóns de euros e enmárcase no compromiso da Xunta de Galicia coa modernización e mantemento da súa rede de estradas, co fin de reforzar a seguridade viaria e mellorar a calidade de vida da cidadanía.