O presidente da Xunta mantivo un encontro de traballo co novo responsable do organismo luso, Álvaro Santos
Rueda e o presidente da CCDR-N acordan aliñar estratexias en materia de infraestruturas, fondos europeos e o vindeiro Xacobeo 2027
O titular do Goberno galego amósase ambicioso á hora de captar “a maior cantidade posible” de novos investimentos europeos dentro dos Fondos de Cooperación Transfronteiriza
Agradece a Santos “que nos confirmara” a previsión de prazos do Goberno luso no que respecta ao tren de alta velocidade que unirá Galicia e Portugal e insta ao Executivo español a que “faga nin máis nin menos a súa parte e que cumpra”
Coinciden en que o próximo Ano Santo supón unha "oportunidade histórica" para a promoción turística e destacan o “crecemento exponencial” que están a vivir tanto o Camiño Portugués como a súa variante pola Costa
Santiago de Compostela, 8 de maio de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo hoxe unha reunión de traballo en Santiago co presidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Regional do Norte (CCDR-N), Álvaro Santos, co obxectivo de fortalecer os lazos da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e aliñar estratexias en materia de infraestruturas, fondos europeos e o vindeiro Xacobeo 2027.
Trátase do primeiro encontro institucional entre ambos desde que Santos tomou posesión do seu cargo o pasado mes de febreiro. Un dos eixes centrais da reunión foi a esixencia de infraestruturas que garantan a competitividade “nesta Eurorrexión, que tantos anos leva traballando e que tantos logros ten acadado”.
Así, o titular do Goberno galego amosouse ambicioso á hora de captar “a maior cantidade posible” de novos investimentos europeos, lembrando que “estamos ao final dun período económico na Unión Europea que afecta directamente tamén aos proxectos que, dentro dos Fondos de Cooperación Transfronteiriza, chamados POCTEP, están a punto de rematar”, apuntou.
Conexións ferroviarias e Xacobeo 2027
Ademais, o presidente galego e o seu homólogo luso abordaron na reunión “un tema de moita actualidade” como é o tren de alta velocidade que unirá Galicia e Portugal. Neste sentido, agradeceulle a Santos “que nos confirmara que todo o que vén dicindo o Goberno portugués respecto dos traballos en marcha e os prazos comprometidos se mantén”, ao mesmo tempo que instou ao Goberno español a que “faga nin máis nin menos a súa parte e que cumpra”.
Ambos mandatarios aproveitaron este primeiro encontro para afianzar a colaboración turística entre territorios, especialmente de cara ao vindeiro Xacobeo 2027, unha "oportunidade histórica". Rueda destacou o “crecemento exponencial” que están a vivir tanto o Camiño Portugués –trátase da segunda ruta en afluencia tras o Francés– como a súa variante pola Costa –multiplicou por 30 o número de peregrinos desde a súa oficialización hai unha década–.
“Interésanos cada vez máis facer unha promoción conxunta, ter unha visión global deste fenómeno”, indicou, ao tempo que sinalou como “moi oportuno ver como podemos mellorar a experiencia dos portugueses que deciden chegar a Santiago”.
A “oportunidade que supón a lusofonía e as vantaxes de compartir, en gran parte, linguas que teñen moito en común”, así como “todo o escenario que abre agora o acordo UE-Mercosur” foron algúns dos temas que tamén trataron ambos mandatarios.