A Xunta leva ás aulas galegas os valores de Europa coa primeira edición do concurso de carteis para celebrar o 9 de maio
O conselleiro de Facenda e Administración Pública entregou os premios ao alumnado galardoado neste certame
Santiago de Compostela, 13 de maio de 2025
A Consellería de Facenda e Administración Pública levou ás aulas galegas os valores de Europa coa entrega de premios da primeira edición do Concurso de carteis para celebrar o 9 de maio, Día de Europa, unha data que lembra os valores sobre os que naceu a Unión Europea: a paz, a cooperación, a solidariedade e a unidade.
Durante o acto, o Goberno galego quixo recoñecer o labor dos centros educativos, do profesorado e do alumnado participante que, en cada un dos traballos, demostraron como a Unión Europea se constrúe tamén desde as escolas.
A través da Dirección Xeral de Cohesión e Fondos Europeos, a Consellería de Facenda e Administración Pública achega Europa á vida cotiá das persoas, facendo visibles os fondos europeos que contribúen ao desenvolvemento económico, social e territorial da Comunidade; impulsando proxectos vinculados á innovación, á formación, á sustentabilidade e á cohesión; e promovendo que a cidadanía coñeza mellor que significa formar parte da UE.
O conselleiro da Facenda autonómica foi o encargado de clausurar o acto de entrega dos premios das tres categorías de participación, en función da etapa educativa do alumnado autor do cartel.
Logo de felicitar aos gañadores e dar as grazas a todos os rapaces e rapazas que participaron nesta edición, por demostrar que hai moito talento nas aulas galegas, Miguel Corgos aproveitou a súa intervención para lembrar o que avanzou Galicia nestas décadas, grazas ao apoio europeo. “Pero Europa non son só fondos ou infraestruturas. Europa son tamén valores. Valores como a paz, a democracia, a igualdade, o respecto á diversidade, a solidariedade entre pobos e a defensa dos dereitos humanos. Valores que debemos seguir coidando e transmitindo ás novas xeracións”, concluíu, animando aos nenos e nenas a seguir aprendendo, creando e participando no futuro de Europa.
Traballos premiados
Nesta primeira edición do concurso, na que se rexistrou unha notable participación, valoráronse a capacidade de reflexión, o diálogo e a expresión artística do alumnado e os galardóns recaeron en centros de As Pontes, Lugo, Tui, Camariñas, O Porriño e Ferrol.
Na categoría 1, de 3º a 6º de primaria, o 1º premio foi para o cartel titulado Un para todos e todos para un, do CEIP Plurilingüe Santa María das Pontes e o 2º premio foi para A Unión Europea fainos máis fortes, do CEIP das Mercedes de Lugo. Na categoría 2, na que participou alumnado de 1º e 2º de ESO e de educación especial, o 1º premio, Unindo estrelas, foi para o Colexio Maristas Santa María de Tui.
Por último, na categoría 3, dirixida a alumnado de 3º e 4º curso de educación secundaria obrigatoria, o 1º premio recaeu en Europa en Galicia, futuro en marcha, do IES Pedra da Aguia, de Camariñas e o 2º premio o compartiron, Pedalamos xuntos por unha Europa mellor... do IES Ribeira do Louro, do Porriño e o cartel Europa, o noso camiño, do IES de Catabois, Ferrol.