A Xunta publica a nova instrución do protocolo común para a xestión clínica e o seguimento da incapacidade temporal co obxectivo de conseguir que o proceso sexa máis resolutivo

O Diario Oficial de Galicia recolle a modificación da instrución co fin de que as propostas de alta emitidas polas mutuas que cumpran os requisitos de motivación e fundamentación obxectiva da aptitude laboral do traballador sexan confirmadas pola Inspección

Deséñase, ademais, unha autorización única da Inspección para as probas ou os tratamentos que realicen as mutuas co obxectivo de evitar demoras innecesarias na recuperación do paciente

En 2025 a Inspección de Servizos Sanitarios xestionou máis de 38.400 propostas de alta formuladas polas mutuas e máis de 10.700 autorizacións de probas diagnósticas

Estas medidas forman parte do Plan de mellora da xestión e control da incapacidade temporal da Xunta, que busca reducir a burocracia e facer máis eficiente a xestión das baixas laborais

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2026

A Xunta publica, na edición de hoxe do Diario Oficial de Galicia, a modificación da instrución da Consellería de Sanidade pola que se establece o protocolo común para a xestión clínica e o seguimento das baixas laborais.

O obxectivo desta modificación é conseguir que o proceso sexa cada vez máis resolutivo, axilizando o procedemento, dotándoo de maior carácter resolutivo e executivo, ao tempo que se reforza o papel das Unidades de Inspección e Control de Saúde Laboral.

A partir de agora, as propostas de alta médica que as mutuas deben dirixir ás unidades de Inspección deberán acordarse sempre que as propostas estean debidamente motivadas e completas. En cambio, se a proposta fose insuficiente, o persoal inspector deberá convocar a persoa interesada a un recoñecemento médico presencial antes de ditar unha resolución motivada sobre se procede ou non a alta.

Neste sentido, as unidades de Inspección e Control da Saúde Laboral tramitaron 38.438 propostas de alta formuladas polas mutuas en 2025.

A citada instrución modifica tamén a solicitude de autorización de probas diagnósticas e procedementos terapéuticos realizados polas mutuas e que deben contar co visto e prace da Inspección de Servizos Sanitarios.

Para reducir a burocracia, establécese un sistema de autorización única para que as mutuas non teñan que tramitar unha solicitude individual por cada actuación. Unha soa autorización habilitará todas as probas e procedementos terapéuticos necesarios, co que se gañará en axilidade para a recuperación do traballador.

O ano pasado, as unidades de Inspección e Control da Saúde Laboral tramitaron 10.727 solicitudes de probas diagnósticas.

Nesta mesma liña, a Xunta xa reduciu a burocracia e as molestias para as persoas de baixa coa integración na historia clínica electrónica do Servizo Galego de Saúde das probas que realizaron as entidades colaboradoras da Seguridade Social, o que permite evitar duplicidades e ter que realizar unha proba que xa está realizada. En particular, en 2025 foron 1.300 probas que non foi necesario realizar por duplicado.

Reforzo de persoal de inspección

A Xunta puxo en marcha, en agosto de 2024, o Plan de mellora da xestión e do control da incapacidade temporal. Para dar resposta ás medidas que se están a levar a cabo, a Consellería de Sanidade vai reforzar de forma inmediata os equipos da Inspección de Servizos Sanitarios coa incorporación de 18 novos profesionais.

O Goberno galego contratará nove profesionais inspectores médicos e nove subinspectores sanitarios para reforzar os equipos de inspección das sete áreas sanitarias.

A previsión inicial é que a incorporación se estenda durante tres anos, o que suporá un investimento extra de 3.026.709,24 euros para levar a cabo as medidas que buscan unha maior eficiencia na xestión dos procesos de baixa.

Data de actualización: 27/05/2026