O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou hoxe esta actuación

A Xunta comproba o avance das obras do centro de día público de Sobrado

Destina preto de 350.000 euros a financiar a construción deste novo recurso, cuxa titularidade e xestión serán municipais

Esta intervención enmárcase no Plan de investimentos para a mellora da rede de equipamentos locais para as persoas maiores: residencias, centros de día e centros sociais

Sobrado (A Coruña), 29 de maio de 2026

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, comprobou esta mañá o avance das obras do centro de día que está a construír o concello e que financia a Xunta con 348.000 euros. A previsión é que os traballos deste novo recurso, cunha capacidade de 25 prazas, estean rematados despois do verán.

Perfecto Rodríguez, que estivo acompañado do alcalde, Luís Lisardo Santos, explicou que tanto a titularidade como a xestión do centro dependerán do Concello, e destacou que permitirá reforzar a atención ás persoas maiores, achegándolles os coidados que necesitan.

Ademais, o xerente apuntou que esta actuación forma parte do Plan de investimentos para equipamentos sociais de titularidade municipal para maiores posto en marcha pola Xunta. Este é un plan acordado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e ao que se destinan 18,5 millóns de euros de fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR).

A través deste programa de investimentos, o Executivo autonómico está a financiar a construción, ampliación ou reforma dunha vintena de residencias, centros de día e centros sociais. En total, suporá a creación de 682 novas prazas publicas de atención residencial e diúrna.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/05/2026