A Xunta publica o decreto polo que se modifica a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde para crear a Dirección Xeral de Atención Primaria e Comunitaria
A Consellería de Sanidade busca fortalecer a atención primaria e comunitaria potenciando os recursos existentes no primeiro nivel asistencial
Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2026
A Xunta publica hoxe, no Diario Oficial de Galicia, o decreto polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde.
Tal e como recolle o decreto, os órganos unipersoais serán a Presidencia, a Xerencia do Servizo Galego de Saúde, a Dirección Xeral de Atención Primaria e Comunitaria, a Dirección Xeral de Integración e Innovación Asistencial, a Dirección Xeral de Recursos Económicos e a Dirección Xeral de Recursos Humanos.
Créase a Dirección Xeral de Atención Primaria e Comunitaria co obxectivo de consolidar este nivel asistencial como o verdadeiro motor e eixe vertebrador do sistema sanitario público galego e levar a cabo a reforma integral á que se comprometeu o Goberno galego. A Consellería de Sanidade busca así fortalecer o primeiro nivel asistencial e reforzar o seu papel central para potenciar os recursos existentes.
En consonancia con esta nova distribución funcional, a actual Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria adecúa a súa denominación e pasa a denominarse Dirección Xeral de Integración e Innovación Asistencial, orientando os seus esforzos cara á coordinación global de procesos e á modernización do modelo de saúde.
O desenvolvemento da estrutura orgánica detallada aprobarase posteriormente mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da persoa titular da Consellería de Sanidade.