A Xunta amplía as funcionalidades da ferramenta de IA que reforza a orientación na Formación Profesional
A directora xeral de FP participa na inauguración das III Xornadas de Información e Orientación Profesional 2026 dirixidas ao profesorado destas ensinanzas
As novas prestacións da ferramenta OPI Orienta incorporan xestión do coñecemento e xeración automática de informes para facilitar o labor de asesoramento
Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2026
A Xunta de Galicia presentou hoxe as novas funcionalidades de OPI Orienta, a ferramenta estreada o pasado curso e que emprega a intelixencia artificial para facilitar a orientación profesional. Con este fin, a directora xeral de FP, Eugenia Pérez, participou nas III Xornadas de Información e Orientación Profesional 2026, celebradas no Centro Integrado de FP Politécnico de Santiago de Compostela, onde se expuxeron estas novidades dirixidas ao profesorado do ensino dedicado a estas funcións moi importantes para o apoio aos estudantes.
A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destacou que a mellora desta ferramenta procura que os orientadores “acompañen ás persoas nas súas decisións, ao tempo que dispoñen de máis recursos para dar a coñecer a versatilidade da FP”. As novas prestacións da aplicación están dirixidas a optimizar, facilitar a consulta da oferta formativa, a localización de centros e modalidades, o acceso aos procesos de admisión e matrícula e a exploración de itinerarios académicos e profesionais.
Entre as principais novidades, OPI Orienta centraliza nun único espazo a información, integrando xestión do coñecemento, intelixencia artificial e xeración automática de informes. Isto permite rexistrar datos, conservar o historial das actuacións realizadas, elaborar itinerarios personalizados e aportar recomendacións ao longo do proceso de acompañamento. No ámbito documental, incorpora un sistema de xestión multinivel que centraliza convocatorias, instrucións, normativa, prazos e outros recursos habitualmente dispersos en diferentes canles.
A directora xeral enmarcou esta actuación no novo Plan Innova FP Galicia 2030, dotado con case 30 millóns de euros, destinado a modernizar a Formación Profesional e reforzar a I+D+i aplicada nestas ensinanzas e aliñalas cos obxectivos da Comunidade.
III Xornadas de Información e Orientación Profesional
A terceira edición das xornadas celebradas hoxe teñen como obxectivo proporcionar aos profesionais da orientación unha actualización sobre os principais aspectos da FP. Ao longo da sesión, abórdanse cuestións relacionadas coas modalidades de ensino, os criterios e procedementos de admisión, as novidades da oferta educativa e os cambios introducidos polo novo marco normativo da FP. Trátase de algo especialmente relevante neste momento do ano logo de que o luns se aprobase no Consello da Xunta a oferta de Formación Profesional para o vindeiro curso, con máis de 50.000 novas prazas.
O programa inclúe tamén sesións específicas sobre ferramentas para a orientación profesional, actuacións desenvolvidas a través do Plan FPGal360 e mesas redondas centradas en dúas das modalidades da FP: a FP Básica Adaptada e a FP Acelerada. Nelas participan representantes de centros educativos, alumnado e entidades colaboradoras co obxectivo de compartir experiencias, retos e boas prácticas.