A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto co secretario xeral técnico da Consellería, Yago Borrajo, asinou o acordo co alcalde, José Luis Oujo Pouso

O Fondo de Cooperación da Xunta colabora co Concello do Porto do Son para a adquisición e posterior rehabilitación dun inmoble para destinalo a servizos municipais

O obxectivo é poder inscribir unha vivenda da rúa Felipe III, en situación de abandono, ao nome do Concello e destinalo a servizos básicos a través dun préstamo de algo máis de 200.000 euros, deste fondo dirixido a municipios de menos de 50.000 habitantes

O prazo para que os concellos poidan solicitar este préstamo sen xuros mantense aberto ata o 15 de outubro

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2026

A Xunta coopera co Concello do Porto do Son para a adquisición dun inmoble na rúa Felipe III nº 26, para a súa posterior rehabilitación.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto co secretario xeral técnico da Consellería, Yago Borrajo, asinou esta tarde co alcalde, José Luis Oujo Pouso, para o financiamento da adquisición de dito inmoble, que se atopa en situación de abandono. Neste acto de sinatura tamén estivo a directora territorial da Consellería, Begoña Freire.

Trátase da concesión dun préstamo, sen xuros, de 201.560 euros, proporcionado polo Fondo de Cooperación da Xunta para municipios de menos de 50.000 habitantes.

O convenio firmado hoxe en San Caetano no marco deste fondo, cubre a necesidade de financiación do Concello para facer fronte a adquisición do citado inmoble e poder así inscribir a vivenda ao seu nome e destinalo a servizos básicos municipais.

Esta intervención desenvolverase mediante esta iniciativa da Xunta que está destinada a financiar actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes, dotado con algo máis de 3M€. Trátase de préstamos sen xuros que os concellos poden devolver no prazo máximo de 8 anos.

 

Este préstamo ao Concello do Porto do Son  correspóndese á convocatoria 2025 desta liña de achegas, que estará aberta ata o vindeiro 15 de outubro.

Reunión de traballo

A conselleira e o alcalde mantiveron tras a sinatura deste acordo unha reunión de traballo, na que Allegue e Oujo abordaron actuacións en materia de infraestruturas, de interese para este municipio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/06/2026