Belén do Campo felicita ao xeneral xefe da Garda Civil en Galicia pola concesión da encomenda da Orde de Isabel a Católica

A representante do Goberno autonómico destacou a traxectoria e a dedicación ao servizo público de Miguel Ángel García Arias ao fronte da Garda Civil de Galicia

A Coruña, 10 de xuño de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, asistiu hoxe ao acto de imposición da Encomenda da Orde de Isabel a Católica ao xeneral xefe da 15ª Zona da Garda Civil de Galicia, Miguel Ángel González Arias, unha distinción coa que se recoñecen os méritos contraídos por persoas que prestan servizos extraordinarios á nación ou contribúen de maneira relevante ao prestixio de España.

Belén do Campo quixo trasladarlle ao xeneral o seu parabén por este recoñecemento, que cualificou de “merecido premio a unha traxectoria profesional marcada pola vocación de servizo, a responsabilidade e o compromiso coa seguridade e o benestar da cidadanía”.

Belén do Campo salientou tamén a estreita colaboración existente entre a Xunta de Galicia e a Garda Civil en ámbitos como a protección civil, a seguridade viaria, a loita contra a violencia de xénero, a protección do medio ambiente e a atención ás persoas máis vulnerables, unha cooperación que permite ofrecer un mellor servizo á cidadanía.

A representante do Goberno galego puxo en valor o papel esencial que desempeña a Garda Civil no conxunto do territorio galego, especialmente no medio rural, garantindo a seguridade, a proximidade e a atención ás necesidades da poboación.

A Orde de Isabel a Católica é unha das máis altas distincións civís do Estado e ten como finalidade premiar aqueles comportamentos extraordinarios de carácter civil realizados por persoas españolas ou estranxeiras que redunden en beneficio da nación ou contribúan a estreitar as relacións de amizade e cooperación de España coa comunidade internacional.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/06/2026