A Xunta ofrece apoio técnico ás entidades locais que recibiron fondos europeos para proxectos en espazos naturais co fin de cumprir os prazos e exixencias da UE

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, como xestora en Galicia das axudas financiadas con fondos NextGenerationUE para actuacións en reservas de biosfera e na área de influencia do Parque Nacional, realiza reunións a nivel provincial para resolver posibles dúbidas e coordinar o envío da documentación

O próximo 30 de xuño remata o prazo para que toda a información sobre as actuacións executadas con cargo ao Mecanismo de Recuperación e Resiliencia europeo estea cargada e validada na plataforma oficial de seguimento dos fondos

Os proxectos financiados ao abeiro destas convocatorias contribúen a preservar a biodiversidade, protexer os valores naturais e paisaxísticos e impulsar o desenvolvemento sostible dos territorios incluídos nestes espazos protexidos

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2026

A Xunta de Galicia está a prestar asesoramento e apoio técnico ás entidades locais que nos últimos anos se beneficiaron dalgunha das liñas de axudas financiadas a través do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia do NextGenerationUE para impulsar proxectos de conservación nas sete reservas de biosfera da Comunidade e na área de influencia do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas.

Con tal fin, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático —que asumiu a través da Dirección Xeral de Patrimonio Natural a xestión dos fondos coa convocatoria de diferentes ordes de axudas para preservar estes espazos naturais— realizou nos últimos días unha rolda de reunións técnicas a nivel provincial co obxectivo de axudar aos concellos beneficiarios no proceso de incorporación da información xustificativa para garantir que cumpran os requisitos de seguimento exixidos polas autoridades europeas.

Así, durante estes encontros reforzouse a coordinación entre a Administración autonómica e as entidades locais beneficiarias para avanzar na incorporación e validación da información relativa ás actuacións na plataforma CoFFEE, o sistema oficial de seguimento dos fondos NextGenerationUE, así como resolver incidencias e unificar criterios sobre os requisitos de reporte e xustificación das actuacións executadas.

Tendo en conta que o prazo límite para cargar toda a documentación requirida na aplicación remata o 30 de xuño, durante as reunións analizouse o estado concreto de cada actuación, identificando os pasos pendentes e establecendo mecanismos de coordinación e canles de comunicación directa entre os técnicos autonómicos e municipais que permitan axilizar a tramitación e resolver de maneira eficaz as cuestións e dúbidas que poidan xurdir.

As actuacións financiadas ao abeiro destas convocatorias contribúen á conservación da biodiversidade; á protección dos valores naturais e paisaxísticos e ao impulso dun desenvolvemento sostible nos territorios incluídos nas reservas de biosfera e na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional, que abrangue os concellos de Ribeira, Vilagarcía de Arousa, Bueu e Vigo.

Neste sentido, a Xunta considera que fomentar a colaboración entre administracións é esencial para garantir unha xestión eficaz dos fondos europeos mobilizados nos últimos anos e para asegurar que os investimentos realizados nestes territorios de alto valor poidan ser correctamente acreditados e incorporados aos sistemas de seguimento establecidos polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR).

De feito, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático continuará desenvolvendo accións de apoio e acompañando ás entidades locais beneficiarias ata a finalización do referido Plan, co propósito de facilitarlles o cumprimento das obrigas de información e seguimento asociadas á xestión dos fondos europeos e consolidar unha execución e trazabilidade dos proxectos desenvolvidos en favor da conservación do patrimonio natural galego.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/06/2026