A Xunta rebaixa mañá sábado a alerta por episodio de calor no interior da provincia de Pontevedra a nivel laranxa

Mantense o nivel laranxa no interior da Coruña

Estarán en nivel amarelo os concellos da costa da provincia coruñesa

O Goberno galego lembra as principais recomendacións que debe seguir a poboación ante a suba das temperaturas

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2026

No marco do Plan de actuacións da Xunta de Galicia fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde, este sábado rebaixarase a actual alerta de nivel de alerta 3 (vermello) por episodio de calor na zona isoclimática do interior de Pontevedra e pasará a nivel de alerta 2 (laranxa).

Ademais, segundo os datos enviados por MeteoSalud e Meteogalicia, o episodio de calor estará mañá sábado en nivel 2 (laranxa) nas zonas isoclimáticas do interior da Coruña e actívase o nivel 1 (amarelo) nas zonas do oeste da Coruña e suroeste da Coruña.

A situación de forte calor podería ir remitindo lentamente na xornada do domingo.

Zonas en alerta o sábado

O nivel 2 (laranxa) afectará a:

Interior de Pontevedra: concellos de Agolada, O Campo Lameiro, A Caniza, Cerdedo Cotobade, Covelo, Cuntis, Dozón, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Lalín, A Lama, Moraña, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces.

Interior da Coruña: concellos de Ames, Aranga, Arzúa, A Baña, Boimorto, Boqueixón, Brión, A Capela, Coirós, Curtis, Frades, Irixoa, Melide, Mesía, Monfero, Negreira, Ordes, Oroso, O Pino, As Pontes de García Rodríguez, Santa Comba, Santiago de Compostela, Santiso, Sobrado, As Somozas, Teo, Toques, Tordoia, Touro, Trazo, Val do Dubra, Vedra, Vilasantar).

O nivel 1 (amarelo) declárase nas zonas isoclimáticas de:

Oeste da Coruña: concellos de Camariñas, Carnota, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Mazaricos, Muxía, Vimianzo, Zas.

Suroeste da Coruña: concellos de Boiro, Dodro, Lousame, Muros, Noia, Outes, Padrón, A Pobra do Caramiñal, O Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Rois.

Recomendacións xerais para a poboación

Os principais grupos de risco ante os efectos da calor son: persoas maiores de 65 anos e nenos menores de 4 anos, sobre todo os menores dun ano; persoas que padecen patoloxías: enfermidades cardiovasculares (enfermidade cerebrovascular, insuficiencia cardíaca, arteriopatía periférica), diabetes mellitus, enfermidade pulmonar obstrutiva crónica, insuficiencia renal, enfermidade de párkinson, enfermidade de Alzheimer ou patoloxías similares, enfermidade psiquiátrica; persoas que tomen determinados fármacos ou tóxicos: fármacos con efecto anticolinérxico, diuréticos, consumo importante de alcol, etc.; e persoas en determinadas situacións: maiores que viven sós, persoas de risco que viven en vivendas mal acondicionadas, persoas con exceso de peso ou peso excesivamente baixo, traballadores, deportistas ou aquelas que pasan varias horas en exteriores, etc.

A Consellería de Sanidade lembra os principais consellos e recomendacións que debe seguir a poboación: beber máis líquidos sen esperar a ter sede, sobre todo auga e zumes de froita lixeiramente fríos; evitar bebidas quentes, alcohólicas, café, té ou cola e as moi azucradas; aumentar o consumo de ensaladas, verduras e froitas; evitar comidas copiosas; comer menos cantidade e máis veces ao día; manter os alimentos no frigorífico e vixiar sempre as medidas hixiénicas; usar roupa de tecidos naturais, lixeira e folgada, de cores claras, sombreiro, lentes de sol e cremas protectoras solares, así como calzado fresco, cómodo e que transpire; permanecer en espazos ventilados ou acondicionados e estar á sombra; utilizar as habitacións máis frescas da vivenda; durante o día baixar as persianas e pechar as xanelas, abrilas pola noite para ventilar; evitar as actividades ao aire libre nas horas de máis calor e reducir a actividade física; e cando se estacione o coche, non deixar no interior nenos, nin anciáns coas xanelas pechadas.

No caso de sufrir esgotamento ou un golpe de calor, recoméndase solicitar axuda médica urxente chamando ao 061.

Mentres chega a asistencia, pódese tentar baixar a temperatura do afectado trasladándoo á sombra ou a un lugar fresco e tranquilo, arrefriarlle o corpo, mollar con auga fresca e abanar e hidratar sempre que estea consciente, dándolle pequenos grolos de auga fresca ou bebidas minerais.

Se está inconsciente, cómpre deixalo de lado coas pernas flexionadas e non ofrecerlle líquidos.

Efectos sobre a saúde

A exposición a temperaturas excesivas pode provocar problemas de saúde como mareos, cansazo, debilidade, fatiga e cambras musculares, síncope, deshidratación, insolación e golpes de calor. A maioría das enfermidades asociadas á calor son consecuencia máis ou menos grave dun fallo no sistema de termorregulación.

A calor excesiva pode alterar as nosas funcións vitais se o corpo humano non é capaz de compensar as súas variacións de temperatura. Unha temperatura moi elevada produce perda de líquidos e de electrólitos que son necesarios para o funcionamento normal dos distintos órganos.

Ademais, os mecanismos de termorregulación poden verse descompensados nalgunhas persoas con determinadas enfermidades crónicas, sometidas a certos tratamentos médicos e con discapacidades que limitan a súa autonomía.

Data de actualización: 12/06/2026