A Xunta dá luz verde ambiental á reordenación da contorna do campo da festa de Santa Lucía de Moraña para uso sanitario-asistencial e zona verde

O informe ambiental estratéxico da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé impactos significativos no ámbito de actuación, pero inclúe condicionantes para introducir melloras nalgunhas cuestións

O proxecto afecta a unha superficie de máis de 28.000 metros cadrados nuns terreos situados no nordés da capital municipal, limitados pola rúa nº6 e un camiño de acceso á Capela de Nosa Señora da Concepción de Mos

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2026

A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental á modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) do Concello de Moraña para a reordenación do ámbito do campo da festa na contorna de Santa Lucía. O obxectivo é habilitar solo para a implantación de dúas dotacións destinadas a uso sanitario-asistencial e administrativo, así como para ampliar as zonas verdes.

O informe ambiental estratéxico (IAE) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, que sae publicado hoxe no Diario Oficial de Galicia, establece que non son previsibles efectos adversos significativos derivados do proxecto sempre que se cumpra coas condicións incluídas na propia resolución e se atendan melloras en cuestións como a xestión da auga, a integración paisaxística, a protección do patrimonio natural e cultural e a inclusión dunha zonificación acústica da superficie de actuación.

Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada do plan xeral, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a consulta dos organismos públicos interesados e tanto o borrador da proposta como o documento ambiental estratéxico estiveron publicados no portal da Consellería para que o público puidese consultalo e facer as observacións ou suxestións de carácter ambiental, sen que se recibira ningunha.

Unha vez emitido, o IAE foi remitido ao promotor e ao órgano substantivo (o Concello de Moraña e a Dirección Xeral de Urbanismo) xunto cos informes recibidos na fase de consultas previas e faise público mediante a publicación do anuncio correspondente no Diario Oficial de Galicia e a través da páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

O obxecto desta modificación é habilitar solo para permitir a implantación de dúas dotacións nas inmediacións do núcleo de Santa Lucía de Moraña destinadas a uso sanitario-asistencial e administrativo, así como ampliar as zonas verdes. 

A superficie do ámbito de actuación é de 28.062 metros cadrados -correspondente a seis parcelas catastrais, tres de titularidade pública-, nuns terreos situados no nordés da capital municipal nas proximidades do núcleo rural de Mos, limitados pola rúa nº6 e un camiño de acceso á Capela de Nosa Señora da Concepción de Mos.

Data de actualización: 16/06/2026