A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas participou vía telemática na reunión da comisión de seguimento do convenio de colaboración da urbanización da PS-1 da ETEA

Allegue apela á coordinación entre administracións para avanzar nas obras de recuperación das antigas instalacións da ETEA, en Vigo

Vigo, 16 de xuño de 2026

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, apelou hoxe á coordinación entre administracións para avanzar nas obras de recuperación das antigas instalacións da ETEA. A conselleira, xunto á delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, a directora xeral de Urbanismo, Mª Encarnación Rivas, e a directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza, participou esta tarde por vía telemática na reunión da comisión de seguimento do convenio de colaboración para o desenvolvemento e execución da urbanización da PS-1 da ETEA, que conta cunha achega da Xunta de 10,5M€.

No encontro, no que participaron representantes da Zona Franca e do Concello de Vigo, as diferentes partes fixeron seguimento das actuacións que están desenvolvendo no ámbito e trasladaron os avances e cuestións pendentes para continuar coa execución do proxecto.

A conselleira destacou que a reunión serviu para manter a coordinación entre as tres administracións e entidades implicadas e apelou á importancia de seguir avanzando nun marco de colaboración para que a actuación sexa unha realidade canto antes.

A conselleira lembrou que a Xunta leva xa máis dun ano traballando no ámbito da PS-6, de titularidade autonómica, onde está a executar as obras de urbanización, que xa superan o 50% do seu desenvolvemento.

Durante o encontro tamén se abordou unha das cuestións pendentes para avanzar nos traballos: a autorización de Unión Fenosa necesaria para realizar as acometidas eléctricas. Neste sentido, a Xunta trasladou a súa preocupación polos meses de espera e Zona Franca, como entidade que debe impulsar este expediente, comprometeuse a darlle un novo impulso para conseguir esa autorización canto antes.

As partes acordaron manter esta liña de traballo conxunta e continuar colaborando para axilizar reciprocamente todos os trámites necesarios, coa previsión de que a seguinte comisión de seguimento poida celebrarse de maneira presencial.

Finalmente, M. Allegue destacou que o obxectivo da Xunta é que esta actuación permita recuperar e poñer en valor unha contorna emblemática da cidade, como é o ámbito da ETEA, para o desfrute tanto dos vigueses e viguesas como do conxunto de persoas que visitan este espazo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/06/2026