Belén do Campo destaca o investimento de preto de 1M€ no asfaltado de varios treitos da AC-223 ao longo de máis de 13 quilómetros que se están executando ao seu paso por Mesía
A representante do Goberno autonómico destacou que esta intervención permite actuar ao longo de máis de 13 quilómetros, renovando unha infraestrutura moi utilizada tanto polas veciñas e veciños como polos numerosos vehículos que circulan diariamente por esta zona
Mesía (A Coruña), 18 de xuño de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada pola directora territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, Begoña Freire, visitou hoxe a zona na que se están executando as obras de reforzo de firme na estrada AC-223 ao seu paso polo Concello de Mesía, unha actuación na que o Goberno galego está a investir preto de 1 millón de euros para mellorar o estado do pavimento e reforzar a seguridade viaria neste importante eixo de comunicación que beneficiará directamente aos case 2.400 veciños deste municipio.
A representante do Goberno autonómico destacou que esta intervención permitirá actuar en varios treitos desta vía autonómica ao longo de máis de 13 quilómetros, renovando unha infraestrutura moi utilizada tanto polos veciños e veciñas como polos numerosos vehículos que circulan diariamente por esta zona.
Belén do Campo subliñou que se trata dunha actuación “moi necesaria para seguir mellorando as codicións de circulación, incrementar a comodidade dos usuarios e, sobre todo, reforzar a seguridade viaria nunha estrada fundamental para a mobilidade diaria do municipio”.
A delegada incidiu en que a Xunta continúa dando resposta ás necesidades de conservación da rede autonómica de estradas, priorizando aqueles puntos nos que o paso do tempo e o uso continuado fan preciso renovar o firme para garantir unha circulación en mellores condicións.
As obras que se están a executar en Mesía se adaptan ao estado de conservación de cada tramo. Naqueles puntos onde non se considera necesaria unha actuación de maior entidade, realizase a regularización das zonas máis deterioradas, especialmente aquelas afectadas por rodeiras e deformacións da sección transversal da calzada, mediante a aplicación dunha capa de mestura bituminosa en quente e se executa un recrecido do firme en toda a calzada cunha capa de 5 centímetros de espesor deste mesmo material.
Pola súa banda, nas zonas que presentan danos estruturais máis significativos, como rodeiras profundas, afundimentos ou fisuras, se están realizando fresados do firme existente ata unha profundidade de 5 centímetros. Posteriormente, procédese á reposición do pavimento coa mesma mestura bituminosa e espesor. Nos tramos situados fóra das zonas urbanas, compleméntase esta actuación cunha regularización do carril mediante a execución dunha capa de microaglomerado.
Nos treitos nos que se detecta unha maior presenza de accesos a vivendas, aparcadoiros ou bordos, estanse a acometer fresados en cuña de 2 metros de ancho desde o límite da actuación, seguidos da reposición do firme mediante de 5 centímetros de espesor en ancho completo de carril.
A actuación na estrada AC-223 contempla tamén actuacións, ademais de en Mesía, en Carral e Abegondo ata un total de 17 quilómetros.
Nalgúns treitos é necesario combinar varias destas solucións técnicas, executando unha eliminación parcial e reposición do firme seguida dun recrecemento da capa de rodaxe, co fin de ofrecer unha resposta máis eficaz ás necesidades específicas de cada tramo.
No caso da actuación en Mesía visitada hoxe, forma parte dun proxecto conxunto para actuar en 6 estradas da provincia ao seu paso por 12 concellos (Cambre, Abegondo, Bergondo, Betanzos, Carral, Cerceda, Curtis, Mesía, Oleiros, Oza Cesuras, Sobrado e Vilasantar), cun investimento de máis de 3,3M€.”.
Actuación global
Belén do Campo puxo en valor o inxente esforzo da Xunta en materia de conservación e mantemento da rede viaria de 5.500km de estradas para garantir a seguridade: “Temos claro que é importantísimo investir neste eido cunha folla de ruta clara en planificación conservación e reforzos de firme que estamos a executar cos correspondentes orzamentos”. En concreto, neste 2026 a Xunta destina un investimento histórico de 71,6M€ para estas tarefas de conservación e mantemento.